Nas Ligas curtas, xa se sabe, como nas motos… arrancar rápido é fundamental. Que llo conten a Forri, que empezou a preparación do xuvenil moi cedo e, cando chegou o momento, saíron disparados: catro vitorias no primeiro mes de competición (15 goles nos catro partidos) culminado co mellor triunfo da tempada, o 2-1 fronte ao Barbadás.
Mañá comeza a carreira polo ascenso entre os oito mellores equipos da primeira fase: catro ourensáns, tres lucenses e un pontevedrés. En xogo, catro prazas de ascenso directo e outra, a quinta, con opcións de promoción. Parece fácil, o 50% ascenderán. E o Barbadás e o Antela, no grupo ourensán, e o Estrada e o Residencia, no outro grupo, estiveron por riba do resto… Mais as Ligas curtas teñen os seus riscos. Hai que empezar moi ben e acabar o máis enteiro posíbel, case coma unha carreira de 400 metros nunha pista de atletismo.

O primeiro rival, este sábado (12,15 horas no Fernández Carrera) ten perigo. O Verín cedeu diante do Antela xuvenil nos dous amigábeis de pretempada, mais logo empatou na visita ligueira a Xinzo e o reparto de puntos repetiuse na Granxa. Non será fácil, o Verín ten tantos boletos para o ascenso como o que máis, cun bo porteiro e un mediocampo notábel.
Os de Forri parten con certa vantaxe: xogan na casa, levan desde novembro preparando este xaneiro clave e volven contar con todo o arsenal. Empezando por Hugo Penabade, David Rivero e Lucas Carnero, de crecemento futbolístico rápido (xa con experiencias no primeiro equipo); e seguindo polos Iago, Dameá, Carba, Calleja e Fabi, de maduración máis pausada. Con Izan e Amine á fronte, expertos, feitos e con ambición de despedirse da categoría deixando ao Antela ben arriba.
Forri chamará a todos os dispoñíbeis e dará a convocatoria pouco antes do partido para manter a tensión do grupo. Quere reactivar o ímpeto e a concentración que mostrou o equipo no inicio da tempada. Xa se sabe, nas competicións curtas, a base do éxito está na saída.




















