O Antela B de Marcos Ruido pecha a primeira volta no grupo ourensán de Segunda Futgal este sábado (16,15 horas) na Moreira contra a Sociedade Deportiva e Cultural Arrabaldo, último clasificado da Liga, e que como visitante so foi quen de sumar tres puntos (na vitoria diante do Caldelao a principios de outubro).
Coas baixas de Belucho e Felipe, lesionados, o filial branquinegro regresa á Moreira como terceiro clasificado, en praza de promoción de ascenso e despois de pechar o 2024 cunha serie de oito partidos consecutivos sen perder (seis triunfos e dous empates) nos que anotou 21 goles.
Pendentes da convocatoria do primeiro equipo, Andrés, Raúl e Pitu poderían volver a formar parte do once de Marcos Ruido, mentres que Álex Teixeira recuperou o ritmo habitual de adestramentos e parece que será unha peza clave de cara a segunda fase da competición co obxectivo de manter o nivel goleador do equipo para aspirar a unha das prazas que garanten o ascenso (1ª e 2ª) ou a promoción (3ª e 4ª).
Tamén volveu aos adestramentos Dani Pérez, mentres Cristian e Kike empezan a sumar minutos e Germain, goles. O Antela B sumou até o momento o 68,7% dos puntos en disputa, e como local so cedeu unha derrota (Raio21) e un empate (Toén).
Na loita polos postos de cabeza, este sábado o Purísima (5º) recibe ao líder Francelos, e o Toén (7º) ao Vilariño (9º), próximo rival do Antela B. Mañá domingo, o Coles (2º) e o Raio21 (4º) xogan como locais diante do Paderne e do Raio Alaricano, respectivamente.

O Antela B, antes do ensaio do xoves












