O Antela de Bruno Gómez soporta a presión dos rivais, mais tamén dos equipos da casa. O xuvenil comezou a primeira volta coma un tiro: 4-0 ao Verín de Luisito, e o filial arramplou con todo o orgullo do Arrabaldo: 9-1. Carrasco fixo un hat-trick e os cracks de cada equipo anotaron por partida dobre. Foi un sábado espléndido en goles no arranque do ano que o primeiro equipo está obrigado a completar este domingo na visita a Allariz (16,30 horas no Cid Carriega).
O Allariz ten pouco que ver co equipo que enfrontou o Antela a finais da pasada Liga. Daquela os locais estaban xa descendidos e o Antela tiña todas as cartas para se salvar. Gañou o Antela fácil. Pero mañá será distinto. Seguen Marcio, Sobri, Iker Rodríguez e Julen no espiñazo, pero a perda de efectivos como Veloso ou Gallego deixouse sentir nun inicio de Liga discreto: dúas derrotas e catro empates nos primeiros dez partidos que enseguida o distanciaron da cabeza. Xusto despois, nos choques clave, caeron na casa diante do Velle e na visita ao Polígono.
Mais o Antela non mira atrás. “As súas fortalezas son o bloque defensivo e as contras, e sobre todo o balón parado, aí son extremadamente fortes”, advirte Bruno Gómez, que busca a 14ª vitoria en 17 partidos e completar a mellor primeira volta histórica do club na primeira categoría provincial.

No Antela a novidade será Brais Outeiriño, que acaba de chegar do Arnoia e co que Bruno busca reforzar o ataque. Outeiriño é un extremo, mais o Antela anda á procura de topar o mediapunta que mellore o xogo entre liñas. Bruno, ademais, recoñece que Outeiriño -cuxa chegada precipitou a saída de Cacharrón- aumentará a competencia. “Ninguén se pode relaxar. Todos, os adestradores incluídos, debemos ter os cinco sentidos postos no único obxectivo: o ascenso”.
Anxo Pena e Aarón non figuran na convocatoria na que si está Tiago Teixeira, que por cuestións laborais non se puido adestrar con continuidade, e tamén, Jorginho, que xogou unha hora este sábado cos xuvenís.
Na última xornada da primeira volta, disputaranse ademais dous partidos importantes na pelexa polo ascenso: Córgomo-Velle e Muíños-Nogueira. As revelacións da Liga, diante de dous clásicos.



















