A media de espectadores na Moreira alcanzou os 252 na primeira volta

A asistencia media aos partidos de Liga do Antela durante a primeira volta de competición na tempada actual foi de 252 espectadores. O partido que rexistrou mellor entrada foi o do Seixalbo, o 15 de decembro, con 366 persoas.

Houbo dous partidos máis que superaron os 300 espectadores: contra o Polígono, o 20 de outubro, e o do Monterrei, o 22 de decembro. Os partidos con menor asistencia -por baixo dos douscentos espectadores- foron os da Peroxa e o do Viana.

O filial tamén disputou catro partidos na Moreira. Nos dous primeiros de Liga, en setembro, contra o Vilariño asistiron 131 espectadores; e contra o Caldelao, 96. Xa en novembro, o Antela B recibiu ao Cenlle cunha entrada de 118 espectadores, e pechou a primeira volta o sábado pasado con 92 espectadores diante do Arrabaldo.

O filial, nos catro partidos que xogou no estadio, obtivo unha media de 109 espectadores.

En total, máis de 2.700 espectadores pasaron pola Moreira nos trece partidos celebrados no estadio entre setembro e a pasada fin de semana.

O partido de Copa diante do Barco -naquela altura, líder de Preferente- apenas rexistrou 140 espectadores, moi por baixo da media das citas ligueiras do primeiro equipo. Sen dúbida, a asistencia viuse lastrada pola data, o venres 1 de novembro, e a necesidade de adiantar a hora ás 12 da mañá porque os dous equipos xogaban Liga o domingo 3.

Non haberá fútbol na Moreira até dentro de semana e media, o domingo 26, cando o Antela reciba ao Loñoá en partido correspondente á 19ª xornada da Primeira Futgal. Esta próxima fin de semana, o Antela B -que xoga na casa- utilizará o campo habitual, o sintético Fernández Carrera para recibir ao líder da Segunda Futgal, o Francelos. Seró o sábado ás 16,00 horas.


Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario