O xuvenil buscará o domingo (10,00 horas en Oira) contra o Purísima a segunda vitoria na fase de ascenso que encamiñe aos de Forri cara unha meta ao seu alcance. Mais nin as baixas nin o campo nin a hora do choque xogan a favor dun equipo que comezou a competición goleando ao Verín co concurso de Jorginho e Anxo Calleja, quen, salvo sorpresa, non estarán en Oira. A maiores, o Antela toparase cun campo máis amplo que o seu espazo natural do Fernández Carrera e cun horario madrugador no que se espera moito frío.
O frío, con temperaturas moi baixas esta semana en Xinzo, foi o único factor co que puideron familiarizarse nos adestramentos previos. Tamén insistiu Forri na intensidade, dado que o Purísima, co que empataron nos dous partidos da fase anterior -en Oira, daquela, nun partido nocturno-, é un equipo moi físico e tratará de levar o choque cara ese terreo. En calquera caso, o xuvenil afronta o partido con moito que gañar (un triunfo dispararía as opcións de ascenso) e menos que perder (seguirán arriba pase o que pase esta fin de semana).

Salvo Jorginho -que probablemente será convocado para o partido do primeiro equipo o mesmo domingo- e Calleja, que volve ter molestias e xa non adestrou o mércores, Forri conta cos que varreron a semana pasada ao Verín, e precisa incorporar a algún atacante.
O resto da xornada disputarase este sábado. O Barbadás viaxa á Estrada, nun choque entre candidatos ao ascenso; o Verín recibe ao Antas de Ulla (ambos perderon a semana pasada); e o Residencia, outro dos favoritos, visita Sarria.














