O Antela B mide as súas ambicións contra o líder

Até 25 xogadores utilizou o Francelos nos partidos de Liga da primeira volta, e 22 foron titulares nalgún dos encontros. Só catro superan os mil minutos de xogo: o meta Ricardo, o defensa Santás e os centrocampistas Churre e Carballeda. Os goles tamén están moi repartidos. Carballeda -con experiencia no Arenteiro, no Verín e no Lalín- suma 6 goles en 16 partidos (os dous primeiros marcoullos ao Antela na primeira xornada); e 5 levan Damián, Chonas e Alonso.

Damián (defensa) e Chonas (medio) viñeron do Ribadavia Atlético, que esta tempada renunciou a xogar en Primeira Futgal pola obriga de competir nun dos grupos de Pontevedra. Churre foi outro que regresou esta Liga desde o Ribadavia. O extremo Mateo tamén topou sitio no Francelos, que en xeral xa bebía da canteira veciña.

O Francelos, de vermello, no partido contra o Toén, no campo de Valboa. Imaxe: Xulio/Francelos

O Francelos é un equipo con moitas táboas. Na defensa, Rodri, Peli e Dabarca están por riba dos 30 e contan con experiencia en Preferente. O equipo é “forte a balón parado” e “no xogo aéreo”, avisan na Moreira.

Este é o líder, o rival do Antela B de Marcos Ruido mañá sábado (16,00 horas) no sintético do Fernández Carrera, no arranque da segunda volta ao que os dous equipos chegan como os mellores do último mes e medio de competición. Non hai quen lle tusa ao filial branquinegro, que non perde desde outubro e suma 11 puntos (3 vitorias e dous empates) desde decembro. Da súa parte, o Francelos caeu en Taboadela a comezos de decembro e despois gañou catro partidos seguidos (12 puntos).

O Francelos é líder cun punto de vantaxe sobre o Coles e dous sobre o Antela B, a quen venceu no inicio da Liga (3-1). Mais os de Ruido teñen crecido moito, individual e colectivamente. O once tipo non variou moito. Pero futbolistas como Pitu, Pio, Raúl ou Carreira teñen dado pasos adiante, mentres Manu, Carrasco, Germain e Xurxo -con experiencia en categorías superiores- son o cemento do equipo. Logo está Álex Teixeira, que empezou o ano motivado e disposto a asumir un rol protagonista.

Inda queda moita Liga, pero se o equipo creceu, o obxectivo mudou. O filial está mentalizado para loitar polo ascenso (as dúas primeiras prazas, conceden o billete a Primeira). Contra o Francelos, Ruido non poderá contar cos lesionados Belucho e Felipe; recupera a Germain e o resto están no mellor momento do que vai de Liga.


Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario