“Queremos medrar para acompañar o crecemento deportivo”

“O que temos claro na directiva é que canto máis arriba estean os equipos, a esixencia será maior e mellores xogadores faremos. Para nós sería fantástico que o filial e o xuvenil ascenderan. E agora mesmo dáse esa posibilidade. Suporía un maior esforzo económico, certo, e habería que traballar máis tamén desde a directiva”, di Pablo Losada, presidente do Antela F.C., líder da Primeira Futgal e camiño de recuperar a categoría perdida o ano pasado, para facer balance da primeira volta de competición.

Empezamos pola principal novidade nesta tempada: o adestrador. Como foi o proceso de fichar a Bruno Gómez e cal é a valoración a día de hoxe?

Buscamos un adestrador mozo e cun fútbol atractivo. Iso, por un lado; e, polo outro, que contara coa xente da casa como base fundamental do primeiro equipo. Cando contactamos con el, asumiu o desafío sabendo cal era a esixencia e o punto de partida. Que se pode dicir de Bruno cando rematas a primeira volta con 44 puntos e ves todo o traballo que leva desenvolvido? Estamos encantados. E iso non quita que nos gustaría mellorar e facer un xogo máis brillante cada partido.

É moi precipitado estar pensando a estas alturas na próxima tempada ou é inevitábel dada a vantaxe na clasificación?

Creo que non é precipitado se miramos o equipo e como está a Liga. Pode parecer que reforzar o equipo agora non é necesario. Mais tamén xorden oportunidades pensando onde queremos estar a tempada que vén.

Que vai ser o máis difícil do que queda inda por diante?

O que máis me preocupa é que empecemos a saír a xogar pensando que lle levamos 11 puntos ao segundo. Hai que mirar cara adiante. Cada partido é unha ocasión para sumar tres novos puntos. Esa é a miña opinión desde a presidencia, pero xa está o adestrador para que xogadores non caian niso. Vimos de loitar pola permanencia e hoxe estamos nun escenario difícil. Mais confío moito neste vestiario. Está unido.

Este camiño cara o retorno a Preferente estase a facer moi rápido, como responde a afección e como responde Xinzo?

A asistencia ao estadio está indo a máis. Os socios responderon asumindo carnés ao mesmo prezo que os da tempada anterior. Estamos moi agradecidos e non queremos defraudar ese apoio. Temos que agradecer aos patrocinadores que, malia o descenso do primeiro equipo, mantiveran ou mesmo reforzaran o apoio. Temos máis patrocinadores que a tempada anterior. En canto ao Concello de Xinzo, que mantén o respaldo, pensamos que podemos ir un pouquiño máis da man. Temos toda a vontade.

Que lectura fai o club dese apoio social?

Pensamos que socias e socios e os patrocinios novos e vellos entenden que isto vai en serio. Que hai vontade de seguir medrando e estabilizar o club en cotas máis altas. Iso esixe traballo, traballo e traballo. Marcar cada vez un obxectivo maior.

A asistencia ao estadio está indo a máis. Os socios responderon asumindo carnés ao mesmo prezo que os da tempada anterior. Estamos moi agradecidos e non queremos defraudar ese apoio.

Pablo Losada, o pasado martes, na Moreira.

A CANTEIRA, OS SACRIFICIOS E IZAN

Os resultados indican que se pode ir tamén moi en serio coa política de canteira?

O que temos claro na directiva é que canto máis arriba estean os equipos, a esixencia será maior e mellores xogadores faremos. Da canteira, o primeiro que temos que pór en valor é o traballo das Escolas Deportivas do Concello de Xinzo de Limia. Nós recollemos ese traballo de formación, que é básico e hai que llo agradecer.

O filial e o xuvenil empezan o 2025 en condicións de ascender. Sería asumíbel para o club?

Insisto, traballamos para estar o máis arriba posíbel. Para nós sería fantástico que o filial e o xuvenil ascenderan. E agora mesmo dáse esa posibilidade. Suporía un maior esforzo económico, certo, e habería que traballar máis tamén desde a directiva.

Como de forte é a aposta pola canteira se pensamos no primeiro equipo do club?

A día de hoxe cremos que non lograriamos consolidar un equipo en Preferente só coa xente de aquí, pero ao mesmo tempo temos a convicción de que o equipo ten que estar composto por unha maioría de xente da Limia. Neste dous anos anteriores na Preferente aprendemos que non basta con ter un once forte, ten que haber un cadro de xogadores amplo e competitivo. Aprendemos ademais que son precisos xogadores sub’23 con dinámica de primeiro equipo que poidan disputar tamén unha Liga forte se non son convocados arriba. Bruno Gómez asumiu esa política do club, e aí están Raúl, Felipe, Pitu e outros… nese salto.

A día de hoxe cremos que non lograriamos consolidar un equipo en Preferente só coa xente de aquí, pero ao mesmo tempo temos a convicción de que o equipo ten que estar composto por unha maioría de xente da Limia.

Foi esa -un cadro de xogadores escaso- unha eiva a tempada anterior?

Penso que si. E foi erro noso. Quizais non lle demos a Óscar Sabucedo un equipo o suficientemente amplo.

Como ves a batalla polo ascenso na Liga do filial?

Vai ser dura. Hai moitos equipos con aspiracións e construídos para ascender. Está o Francelos, está o Coles, tamén La Purísima e o Raio21. Todos queren ascender… a estas alturas quero destacar o traballo do adestrador e o excelente ambiente dese vestiario. Nós sabiamos que é un grupo con moita calidade deportiva… e tamén humana. Sen dúbida, o grupo é clave. E desde o club temos que sacarnos o sombreiro porque son rapaces que se están pagando a súa ficha, e podían estar xogando mesmo en categorías superiores. Pero son do Antela e quixeron estar no Antela.

O futuro do Antela, ademais dos que xa están no primeiro equipo, pasa por estes xogadores?

Seguro. Se hai traballo, se hai progreso… seguro. Volvo insistir, a base do futuro Antela son os futbolistas da canteira.

Izan está tamén nese grupo?

Por suposto. Este ano respectamos a súa decisión de concentrarse nos xuvenís na súa última tempada na categoría. Cando remate, queremos sentarnos con el a falar de futuro.

O presidente, nos detalles do pre-partido, cun dos incondicionais máis novos.

Este ano respectamos a decisión de Izan de concentrarse nos xuvenís na súa última tempada na categoría. Cando remate, queremos sentarnos con el a falar de futuro.

GLÓBULOS BRANCOS E GLÓBULOS NEGROS

E Juan Forri, como vedes o seu futuro?

Forri é adestrador, pai dos rapaces, directivo, delegado, preparador físico… O sangue de Forri ten glóbulos brancos, glóbulos negros e plaquetas. É branquinegro puro, desde a medula. Gustaríame que estivera sempre aquí. É novo, voará? Quen sabe… Por suposto o club non lle poría ningún atranco se algún día toma esa decisión.

O xuvenil é outro ascenso en disputa… e outro problema para o club?

Non, non… problema nunca. Canto máis arriba teñamos os equipos, mellores xogadores xurdirán, repito. Aumentará o gasto das viaxes? Pois, si. Teremos que procurar máis apoios. É o labor da directiva.

Por aí asoman xogadores moi interesantes: Penabad, Iago, Calleja…?

Parece que si. Eses e outros. Esperemos que sigan crecendo. Ademais, a algúns deles pásalles coma Forri: teñen glóbulos brancos, glóbulos negros e plaquetas. Sangue do Antela.

No partido solidario do Nadal, con pais e futbolistas.

BAIXANDO Á TERRA: O CAMPO E OS CARTOS

Como está A Moreira e como están as instalacións da Moreira?

O ano pasado, nunha votación de capitáns e adestradores de Preferente, A Moreira saíu como o terceiro mellor campo: por detrás dos do Portonovo e do Céltiga. Falamos do terreo de xogo, que leva corenta anos sen tocar. Igual precisaba algunha intervención, volver plantar, unha drenaxe… Levaría un mes. Quen financiaría? Pois en Celanova e en Verín fíxoo á Deputación de Ourense.

Estase a negociar?

A día de hoxe inda non, acaba de empezar o ano. Pero sería bo telo resolto en canto remate a tempada.

E as instalacións?

Pois todo é mellorábel. Temos moito espazo e pódese aproveitar un pouco máis. Quizais o máis necesario sería acondicionar a entrada ao estadio, os espazos do vestiario e oficinas e as partes en desuso no interior da parcela.

A saúde deportiva do Antela está forte, como está a financeira?

Pois estamos traballando en fortalecernos economicamente, en medrar para acompañar o crecemento deportivo. Cando renovamos mandato xa expuxemos as contas. Hai un déficit de 7.000 euros que estamos traballando para corrixir.

Hai plans cara a conversión do club en S.A.D.?

Non de momento. Somos conscientes de que todo empuxa cara aí, mais non estamos pensando niso. Inda que é evidente que en categorías superiores cada vez se están a profesionalizar máis os clubs.

O ano pasado, nunha votación de capitáns e adestradores de Preferente, A Moreira saíu como o terceiro mellor campo: por detrás dos do Portonovo e do Céltiga. Falamos do terreo de xogo, que leva corenta anos sen tocar. Igual precisaba algunha intervención, volver plantar, unha drenaxe… Levaría un mes.

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario