Só quedan tres equipos aos que non venceu o Antela esta Liga: o Maside e o Peroxa, que amarraron o empate na Moreira, e o Córgomo, o único que derrotou aos limianos. Mañá, desde as 16,15 no Outeiro Grande (onde xa gañou na última visita hai tres anos camiño do ascenso), o Antela ten ocasión de seguir sometendo rivais e empezar a conta atrás.
Os de Bruno Gómez están a 41 puntos de se proclamar campións. O Antela suma 44 puntos e -as contas son fáciles- con 41 máis será equipo de Preferente, inalcanzábel para o Celanova. Se suma 40, inalcanzábel para o Muíños. Se suma 38, inalcanzábel para o Córgomo…[O Velle, que goleou hoxe ao Muíños, sitúase provisionalmente cuarto a 13 puntos do Antela, cun partido máis].
Nesa carreira pola primeira praza (a única que garante o ascenso directo), o Antela tomou vantaxe de 11 puntos co Celanova, 12 co Muíños e 14 co Córgomo, tres rivais cos que ademais xogará na Moreira nesta segunda volta. Pola Limia deberán pasar tamén o Loñoá, o Melias, o Sporting Carballiño, o Cartelle e o Allariz para pechar a Liga o 11 de maio. É dicir, 24 puntos en disputa con enfrontamentos directos cos equipos que agora están máis preto.
Na Moreira debería o Antela transitar case todo o treito que falta. Sen présa. Como indica Bruno Pérez, “a única data que nos interesa é ser campións o 11 de maio”.
A BAIXA DE CANEIRO E AS DÚBIDAS CO ANTÓN
Martín Caneiro, por acumulación de tarxetas, é baixa para o partido. Antón, o protagonista da vitoria en Allariz, é dúbida despois de se ter retirado por molestias do adestramento do xoves. Aarón, tras unha semana cun proceso gripal, volveu á preparación. Así que os técnicos dispoñen do cadro case ao completo.

A baixa de Caneiro obrigará a Xabi Lamas a tomar galóns no medio campo con Cole ao seu carón, o que deixaría un posto libre no lateral zurdo onde podería entrar Tiago, que non é titular desde o encontro co Seixalbo hai un mes.
Se Antón non se recupera, nas bandas Anxo e Dinís adestran duro para volver ao once. A competencia é máxima nas posicións do ataque despois das incorporacións de Carlos e Outeiriño. Desde decembro -últimos cinco partidos- o gol non parece un problema. Breixo anotou tres penaltis; Joni e Óliver marcaron dous tantos, e Jorginho, Cole, Pedro, Carlos e Antón, un por cabeza. Total: 10 goles fronte aos 4 encaixados (tres contra o Viana).
O Antela colleu ritmo de cruceiro no tramo menos esixente da tempada dados os rivais. E nese tramo non houbo equipo que fora quen de manter o ritmo do líder. As Ligas tamén se ganan contra os de abaixo.
O Maside, antepenúltimo, que recibe unha media de 2,4 tantos por encontro, só gañou dous partidos na Liga -os dous en Outeiro Grande- e apañou tres ou máis goles en sete das dezasete citas. Pelexa co Seixalbo, o Loñoá, o Cartelle e o Viana por evitar o descenso. Pero nin o Loñoá nin o Cartelle foron fáciles de vencer a domicilio, e o Maside xa deu un desgusto na Moreira.
Na convocatoria Bruno Gómez incluíu a todos os dispoñíbeis (20). Hoxe decidirá os dous descartes tras o partido do filial en Xinzo.




















