O Antela perde a Xabi Lamas, operado de apendicite

Xabi Lamas, centrocampista do Antela, foi operado de apendicite e será baixa durante un mes polo menos. O contratempo coincide con dúas ausencias xa programadas hai tempo, as de Cole e Aarón, ambas por motivos persoais. Non estarán este próximo domingo contra o Loñoá.

Xabi leva disputados 1.143 minutos en 16 partidos -catorce como titular-, o terceiro mediocampista máis utilizado, só por detrás de Caneiro e Pedro.

Mentres, Antón, mancado antes de comezar o adestramento de hai unha semana, inda segue con molestias. E Tiago Teixeira, lesionado a finais de novembro en Vilamartín, non acaba de se recuperar e ter continuidade na preparación.

Así as cousas, con tres baixas seguras no centro de campo e as dúbidas de Antón (dianteiro) e Tiago (defensa), Bruno Gómez verase obrigado a recompoñer parte do equipo. En principio contará con Martín Caneiro, baixa en Maside por suspensión por tarxetas.

O B, reforzado o sábado contra o Francelos con Carlos, podería ter que recuperar a súa función natural e nutrir ao primeiro equipo con algún centrocampista: Raúl, Pío e Pitu -habituais nos adestramentos do A- son os candidatos. Se algún deles é reclamado por Bruno Gómez, non podería participar co filial, que xoga tamén o domingo pola tarde contra o Vilariño.


Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario