Aquel domingo de gloria de David no Medo

O domingo 24 de abril de 2022, unha tarde calorosa no campo do Medo, a falta de dez minutos para o final do partido, o Antela de Óscar Sabucedo perdía por 2-1 diante do Atlético Vilariño e estaba virtualmente eliminado pola carreira do ascenso a Preferente, con seis puntos de desvantaxe sobre o Peroxa e o Allariz con só tres xornadas por diante.

O Vilariño déralle á volta ao partido e a derrota parecía irremediábel cando David Lamas, un xuvenil, entrou polo Peque, tamén xuvenil. Nove minutos despois, no 89, Xabi Lamas cazou un balón na área e empatou o partido. Un minuto despois chegou un gol milagreiro deses que entran na historia.

O balón cruzou media área pequena entre pernas de defensores e atacantes até chegar a David Lamas -o irmán de Xabi- que estaba só. Pegoulle mordido e a pelota tocou na cepa e entrou. Foi o 2-3. O delirio. O resto foi unha festa até o ascenso.

David Lamas non volvía ao Medo desde aquela. O domingo o Antela B xogará alí contra o Atlético Vilariño, e vaia ou non convocado, o David fará o posíbel por estar. É un deses futbolistas de sangue branquinegra, un do grupo que soña con meter ao filial en Primeira, outro fito.

O primeiro: como está o Xabi despois da operación?

Todo está máis tranquilo. Está mellor. Tócalle tomalo con calma e recuperar ben.

Que lembras daquel partido no Medo?

Teño un recordo moi agradábel. Era un partido moi difícil nun campo complicado e o marcador non axudaba… Mais non deixamos de insistir e conseguimos gañar. ⁠No gol tiven un momento de dúbida, se entraba ou non… Quixen axustalo tanto que parecía que daba no pau e saía. Había moita presión para non fallar, porque se queriamos ascender xa podiamos perder punto ningún.

Sabucedo apostou por David Lamas no momento máis delicado dunha tempada difícil. Peque e Xabi xa estaban respondendo como titulares. E David aproveitou a ocasión. “De Sabucedo teño un bo recordo, xoguei varios partidos con el en Preferente e aprendín moito”, subliña o futbolista, que no que vai de Liga acumula xa 1.003 minutos en 16 partidos, 11 como titular.

No 2022 tamén disputou outro encontro grande na Moreira, o de Copa contra o Barbadás. “Acabamos cun menos, pero empatamos e fomos aos penaltis. É o partido que recordo con máis xente no campo”.

Como che está indo no persoal esta tempada no filial?

De momento foi de mais a menos, pero estou volvendo coller confianza e penso que neste 2025 todo vai ir a mellor. Teño xogado en moitas posición, sobre todo na banda, como lateral, extremo ou carrileiro. Con confianza, onde máis cómodo me me sinto é de extremo.

David, o xoves na Moreira.

E como vai no colectivo?

Eu penso que estamos facendo unha boa tempada e se seguimos así non seria nada raro acabar a Liga nos postos de ascenso, polo menos entre os catro primeiros.

Segundo a túa experiencia, cal foi o cambio deste equipo a respecto das tempadas anteriores?

Creo que o maior cambio foi a forma de xogar. Penso que temos unha idea de xogo máis clara que outros anos, nos que igual íamos cada un máis por libre, máis centrados no aspecto individual.

Viaxe ao Medo, que esperas do Vilariño?

Vai ser un rival moi difícil. No seu campo son inda máis complicados xa que hai poucos espazos, márcanse poucos goles… Non sabería dicir se seguen sendo ou non candidatos ao ascenso. Por arriba está todo moi igualado e eles perderon algúns puntos. Mais nunca se sabe, queda toda a segunda volta.


Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario