De súpeto, o Antela quedou sen mediocampistas: Xabi Lamas, convalecente; Caneiro, lesionado; Cole e Aarón, ausentes por asuntos persoais. Martín Caneiro, que non se adestrou o xoves por precaución. Onte entrou nunha convocatoria de vinte xogadores que quedará en dezaoito para recibir o domingo ao Loñoá ás 16,30 horas.

Bruno Gómez volveu chamar a Raúl e Pitu, do filial, e recorre por vez primeira a Izán e a Lucas Carnero, do xuvenil. Entre os xogadores que eran dúbida, Peque (que se retirou da sesión do xoves), Antón e Tiago están na lista. Pero Lois, non.
O XUVENIL, NA COPA
Izan vai tamén convocado co xuvenil, que mañá xoga en Oira co Ourense “C” os dezaseisavos da Copa. Lucas Carnero terá descanso. Tampouco farán parte da expedición Penabad e Carbajales, que terán descanso á espera da convocatoria do filial.
O xuvenil toma aire na Copa diante dun rival en teoría moi inferior despois de ter arrancado con forza (dúas vitorias) a fase polo ascenso a Preferente. Forri volve contar con Richi, Aarón, Lucas Martínez, Diego Lulo, Dennis, Cerre e Hugo Cerdeiro; mentres Amine e Mellado, enfermos, causan baixa.
A expedición reunirase ás dez e cuarto da mañá no Bar Bandos, para viaxar a Ourense pouco antes das once. O partido comeza ás 12,30 horas en Oira, onde a semana pasada o Antela xuvenil venceu ao Purísima.



















