O Antela recibe ao Loñoá na Moreira (mañá domingo ás 16,30 horas) coa obriga de gañar. Nada novo. Os limianos son o mellor equipo da categoría -e do último mes e medio- e os visitantes, un dos peores, inda que desde decembro gañaron un partido, empataron catro e só perderon un até conseguir saír da última praza.
Bruno Gómez non pode dispoñer nin de Xabi Lamas nin Cole nin Aarón, e tamén causa baixa Lois. Mais recupera a Martín Caneiro, e contará con reforzos do xuvenil: Izan, Lucas Carnero e, os dous últimos confirmados onte, Dameá e Iago (porteiro).
O partido, e a xornada enteira, están pendentes das previsións meteorolóxicas. Onte quedaron suspendidos os partidos Viana-Celanova e Maceda-Cartelle. A pouco que se amplíe a alerta laranxa para este domingo, poderían suspenderse o resto.
Así, entre o vento e a chuvia e a necesidade de improvisar un medio campo tapando buratos, e despois da labazada en Maside (segunda derrota da tempada), o Antela únese, cala e traballa. Toca gañar, a mesma obriga, espantar medos e recuperar a confianza no plan en medio dun temporal e dos contratempos de lesións e enfermidades (o último en caer, con gripe, Anxo Pena).
CRISE?
O rendemento do Antela foi ascendente nos meses de setembro e outubro, decaeu en novembro e volveu ir cara arriba antes do Nadal. Os mellores partidos dos limianos na Liga víronse no comezo da competición, cando bateu consecutivamente aos seus próximos 7 rivais.
Despois das dúbidas en novembro (empate co Peroxa, sufrimento en Cartelle e derrota en Vilamartín), o equipo rematou o ano a velocidade de cruceiro superando consecutivamente ao Viana, ao Muíños, ao Seixalbo e ao Monterrei. Tres deles, na Moreira.
Os números do primeiro tramo (setembro-outubro) foron de 18 goles a favor e 5 en contra. Unha media de 2,25 tantos anotados fronte ao 0,6 encaixados por partido.
No mes de novembro, segundo tramo, foron 9 goles a favor e 3 en contra. Seis marcados contra o Maceda, e 3 recibidos contra o Córgomo, para unha media de 2,25 goles por encontro fronte aos 0,75 encaixados.
No terceiro tramo (decembro-xaneiro), o Antela anotou 13 goles e recibiu 6 en seis xornadas, o que representa 2,16 anotados por partido, e 1 gol encaixado.
A tendencia indica que o Antela marca menos goles e encaixa máis. Á percepción é que o xogo foi menos fluído nos últimos partidos, sobre todo, fóra: Córgomo, Muíños, Allariz e Maside.
Con todo, nese terceiro tramo o Antela foi quen de ir aumentado a súa vantaxe. Entre decembro e o que vai de xaneiro, os limianos sumaron 12 puntos; por 10 o Córgomo e o Polígono, 9 o Velle e o Monterrei; 7 o Celanova; 6 o Nogueira, e 5 o Muíños.
Quen dixo crise? O que aconteceu, como na recta final dunha carreira de 400 metros (o que lle chaman o efecto do ácido láctico) e que todos perderon velocidade, mesmo o Antela, que inda así continuou sendo máis rápido e incrementando a súa vantaxe.
ANTELA – LOÑOÁ, domingo 26 de xaneiro, 16,30 horas na Moreira (19ª xornada Primeira Futgal).
A CONVOCATORIA
(en actualización)












