O 7 de abril do ano pasado o Antela perdeu nos Carrís contra o Barbadás (2-1) en partido correspondente á sétima xornada de Liga da segunda fase. Daquela convocatoria seguen no equipo doce xogadores. Foi a última vez que os de Forri perderon en competición oficial. Cando o sábado salten ao campo da Cheda en Lugo para se medir co Residencia, levarán 300 días invictos.
En Liga, o Antela xuvenil rematou o campionato 23/24 con seis vitorias, superando consecutivamente ao Velle, a UDO B, o Ourense B, o Purísima, o Santa Teresita e o Chantada, para acabar cun empate en Xinzo diante do Barbadás. Na mesma tempada, na Copa, despois de superar en maio ao Rúa e á UDO B, levantou o título en xuño vencendo ao Barbadás na final. Foron 10 partidos consecutivos sen perder.

Xa na tempada 24/25, o Antela ligou 14 partidos sen perder, con 8 vitorias e 6 empates na primeira fase de competición na nova Primeira Futgal. Despois, neste mes de xaneiro, os xuvenís superaon ao Verín e o Purísima nos dous primeiros encontros da fase de ascenso e debutaron na Copa o pasado sábado cunha goleado en Oira sobre o Ourense C. En total, e até o momento, outros 17 partidos consecutivos sen perder.
Nestes nove meses e pico, o Antela mediuse catro veces ao Barbadás, o último equipo que o derrotou (alcanzando dous empates e dúas vitorias). Co Purísima ten o mesmo balance; mentres que ao Chantada superouno tres veces e co Verín rexistra dous empates e unha vitoria.
No mesmo período de abril a xaneiro, Izan foi o máximo goleador con 18 tantos. O equipo sumou un total de 79 goles; é dicir, unha media de 2,9 por partido nesa serie de 27 encontros. Os números goleadores son excelentes, mais os números defensivos son inda mellores: recibiu 27 goles, unha media de 1 por partido, e en trece encontros deixou a súa meta a cero.
Na imaxe: xogadores e adestradores do xuvenil, antes de comezar o adestramento deste mércores.











