Lucas Carnero, por enfermidade, e Aarón Barandela, lesionado, causan baixa na expedición do Antela xuvenil que partirá de Xinzo mañá ás tres da tarde para xogar en Lugo contra o equipo da Sociedade Deportiva Residencia a partir das 18,30 horas. Juan Forri dará esta noite, despois da sesión de adestramento, a convocatoria, pendente do estado físico de Erik e Xaco, que remataron lesionados a sesión do mércores. (Finalmente, ambos causan baixa).
Co resto de xogadores a disposición do técnico, o Antela xuvenil afronta o seu segundo partido fóra da casa na fase de ascenso e diante dun rival co que marcha empatado a puntos (6) tras as dúas vitorias de ambos no arranque.
O Residencia comezou gañando ao Purísima (1-0, cun gol no minuto 83) e despois venceu en Sarria (0-1). Na primeira fase, rematou en segunda posición do seu grupo, perdendo so un partido, o último, cando xa estaba clasificado. No seu campo, A Cheda –o mesmo que utiliza habitualmente o Polvorín, o filial do Lugo en Terceira REF- apenas cedeu un empate na primeira fase de competición.
O seu mellor goleador é Alejandro Neira, que anotou 9 dos 50 goles do equipo na primeira fase. Foi ademais o segundo equipo menos goleado (19 tantos) nesa fase, un máis que o Antela.
Sen Aarón e Barandela para o centro da defensa, Forri deberá recompoñer a liña. Adiante, en bo momento como demostraron na Copa, Anxo Calleja, Izan e Fabián buscan ser os primeiros en lle facer un gol aos lucenses nesta fase.
Na Moreira, a confianza nos rapaces de Forri medra e ten base sólida -os 300 días invictos-. Os choques cos equipos clasificados do outro grupo, que empezan co Residencia, marcarán o teito dos limianos esta tempada. O partido de mañá vese como unha oportunidade para dar un brinco na loita polas catro prazas de ascenso.
Imaxe: Pablo Novoa, durante o choque en Oira co Purísima hai quince días. @XoséCalleja
Convocatoria: (actualización das 23:50) H. Penabad, Carba, Anxo, Amine, Codes, Izan, Mellado, Diego Lulo, David, Fiz, Dameá, Fabián, Novoa, Cerredelo, Lois e Iago.





