Peque e Joni, que se retiraron mancados da sesión do martes no Fernández Carrera, están descartados para o partido que o Antela xogará en Nogueira de Ramuín o domingo pola tarde.
Despois da baixa de Xabi Lamas por apendicite, a enfermaría do Antela recibe máis doentes. Mentres, Antón -con molestias desde hai quince días- e Martín Caneiro, que non se adestrou a semana pasada, se recuperan pouco a pouco. O extremo será dúbida até o último adestramento desta noite. Caneiro parece en condicións de xogar e formará parte da convocatoria.
Tamén Lois é dúbida, no seu caso, por motivos laborais. O resto, unha vez que se reincorporaron Cole e Aarón, ausentes a semana anterior, están a disposición de Bruno Gómez.
O adestrador volve a casa, a un dos seus exequipos, co que máis éxitos alcanzou como técnico: tempada e media na Preferente, pouco despois de se retirar como xogador tras sete campañas na Tella.
Obrigado a mover o equipo polas baixas, Bruno está a ensaiar variantes do medio campo cara adiante sen renunciar ás bandas onde a competencia é máxima entre Anxo Pena, Raúl Dinís, Antón e a última incorporación, Brais Outeiriño, que vai collendo o fío. Despois da escorregada en Maside, os velocistas do Antela demostraron na sesión de onte que volven estar tan rápidos como antes do descanso de fin de ano.
Ademais dos habituais do filial (Raúl, Felipe, Pitu, Pío e Xurxo), onte adestraron co primeiro equipo dous futbolistas do xuvenil: Dameá e Codes; mentres o B preparaba no sintético o seu encontro do sábado co Paderne.



















