O Antela B mantén intacta a confianza nas súas opcións de loitar polo ascenso de categoría malia derrota no Medo que puxo fin a unha serie de dez partidos sen perder.
O cadro técnico e os xogadores afirmánse e ambicionan. Admiten que non hai esixencia nin presión ningunha por parte do club para acadar ese obxectivo, mais aseguran que pelexarán por el “até onde cheguemos”, en palabras de Xurxo, un dos veteranos, entrevistado este xoves en Telemiño, no programa Tribuna VIP, xunto aos adestradores (Marcos e Manu) e outros dous futbolistas, Borja e Pío.
Esta tarde vén o Paderne, goleado polos limianos na primeira volta, un rival accesíbel (cedeu 9 derrotas e encaixou 45 goles, máis de dous por partido). A continuación seguirá un tramo do calendario sinxelo, sobre o papel: o Caldelao (fóra), o Cented B, o Rúa (fóra) e o Lobios, antes de visitar ao Raio21 a fin de semana de Piñata nun choque cun rival directo (agora un punto por riba do Antela B).
Marcos Ruído ten as baixas de Belucho (lesionado) e Germain. Mentres, Quique e Costinha regresan á convocatoria da que esta semana sae David Lamas. Tamén volve Felipe, plenamente recuperado. Sen Carlos -reforzo nos últimos encontros-, convocado co primeiro equipo, a responsabilidade do ataque cae sobre Alexandre Teixeira e Adrián Carreira.
O Antela B segue con bos números en defensa, mais diante do Vilariño non anotou: non lle sucedía desde abril, cando a derrota en Xinzo fronte ao Raio21 (0-1). O filial é a día de hoxe outro equipo, máis seguro e consciente das súas virtudes. Xa non teñen que créelo, o fútbol colocounos arriba… “e xa que estamos, hai que ser ambiciosos e poñernos nós mesmos a presión”, apuntou Manu Domínguez no plató televisivo o xoves.
Convocatoria:












