O Antela cedeu en Nogueira o seu terceiro empate da tempada, e fíxoo dun xeito moi parecido aos anteriores: dominou o partido, tivo moitas máis oportunidades que o rival, pero foi incapaz de marcar un gol máis. Isto aconteceu no 15% dos encontros disputados até hoxe. A mesma dinámica seguiron as vitorias (14) -dominio e maioría de ocasións- que aconteceron no 73% dos casos. O Antela, salvo no choque de hai quince días en Maside, sempre foi superior ao rival, mesmo na primeira derrota do equipo en Vilamarín.
En días coma hoxe, convén por as cousas en perspectiva e non se amolar. E pensar que a sorte, que estivo de costas até decembro, virou co cambio de ano.
Se a sorte está de costas, toca meterlle máis fútbol. Na Tella o equipo recuperou por momentos o seu mellor nivel de xogo cun medio campo inédito, con Martín Caneiro por diante da defensa, Pedro e Carlos como volantes e Óliver e Anxo Pena nos costados. O traballo no medio campo foi notábel até conseguir fundir ao rival, un cadro preparado para o choque e cosido ás botas de Ander Ribao e Moura.
Despois do intercambio inicial e de calmar os nervios do arranque nunha tarde fría e sobre un céspede escorregadizo, Pedro, Carlos e Caneiro, ben apoiados na defensa, comezaron a baixar o balón e meter atrás ao Nogueira, mentres Jorginho -noutro partido de enorme sacrificio- estiraba e encollía o equipo para desequilibrar ao rival. Carlos e Anxo, pola dereita, e Óliver, pola esquerda, pisaron área e puideron marcar antes do descanso. Foron dez minutos nos que o Antela recuperou o ton de decembro.
Na segunda metade, o Antela empuxou inda máis. Presionou mellor, foi máis directo e Pedro e Carlos conectaron deseguido con Anxo. Tiago apareceu, por fin, dominado con vigor e clase toda a banda esquerda. O Antela xogou 15 minutos excelentes. Só os bloqueos da defensa local impediron que o gol chegara antes. Á hora de partido, un disparo de Óliver tocou nun rival e colouse na rede. Co 0-1 o partido desequilibrouse a favor do Antela, que xerou perigo constante a partir dos roubos no medio campo, mais sen concretar na área.
Nos últimos vinte minutos, o Antela botouse atrás definitivamente, refrescando o medio e a dianteira. Apenas sufriu porque o repertorio do Nogueira limitouse a balóns frontais. O partido estaba controlado e a vitoria, no peto, cando unha falta lateral derivou nun córner. Ía ser a última xogada do partido. O balón chegou a media altura á área pequena e Carlos Alonso anticipouse a todos. Nun abrir e pechar de ollos o Antela cedeu dous puntos dos tres que tiña traballado durante máis de hora e media.
As vitorias do Celanova, o Velle e o Córgomo animan a loita pola Liga. O Celanova fica a seis puntos; o Córgomo, a once; e o Velle, cun partido máis, a oito.
O Antela, que perde a Pedro por tarxetas para o próximo partido, recibirá a fin de semana ao Melias. O fútbol volverá á Moreira despois de mes e medio, onde inda non xogou nesta segunda volta.
FICHA TÉCNICA
Nogueira, 1; Antela, 1.
Nogueira: Lucas, Muíños, Moura (Varela, 76′), Alonso, Osorio, Isi (Gaye, 76′), Ribao, Trigo, Abde (Samuel, 69′), Gabriel e Veri (Lobo, 83′).
Antela: Bruno Pío, Cole, Breixo, Boán, Tiago Teixeira, Martín Caneiro, Carlos (Aarón, 77′), Pedro, Anxo (Outeiriño, 71′), Óliver (Pitu, 82′) e Jorginho (Raúl Lorenzo, 82′).
Goles: 0-1, min. 60: Óliver; 1-1, min. 90: Alonso.
Árbitro: Pablo Lamelas. Mostrou tarxetas ao locais Trigo e Gaye; e aos visitantes Carlos, Tiago, Pedro, Raúl e Bruno Pío, máis ao adestrador, Bruno Gómez.
Campo: A Tella, uns douscentos expectadores.
GALERÍA







A CLASIFICACIÓN












