Comeza a Liga de mes e medio

As Ligas pérdense nos oito primeiros partidos, sostén Pep Guardiola. Probablemente o Nogueira -un equipo tan bo como o Antela, o Velle, o Celanova ou o Córgomo- estea pagando o seu mal arranque. O 27 de outubro, a finais do segundo mes de competición, gañou ao Viana, pero era só a súa segunda vitoria, e navegaba xa a 13 puntos do líder, o Antela.

No comezo do sexto mes de competición, o Antela segue líder e suma 15 puntos máis co Nogueira cun partido menos. O Nogueira chega ao partido desta tarde na Tella (16,30 horas) despois de tres derrotas e un empate: dúas derrotas e un empate en xaneiro, fronte a un Antela que sumou un triunfo (en Allariz), perdeu despois en Maside e viu aprazado o encontro co Loñoá o domingo pasado.

Despois de ceder so 7 puntos na primeira volta, os de Bruno Gómez inda non sumaron na segunda volta, mais seguen a 41 puntos do seu obxectivo. Nada mudou malia derrota en Maside. “O equipo está moi tranquilo”, afirmou esta semana o adestrador, que perde a Peque e a Joni por lesión e elaborou unha convocatoria provisional con 20 futbolistas -na que volve incluír ao xuvenil Izan- ante a posibilidade dalgunha baixa de última hora.

BRUNO E ÓLIVER NA TELLA

Bruno regresa á Tella, onde liderou o equipo no campo e no banquiño, na mellor etapa do club -cinco tempadas en Preferente nas últimas dez-. Regresa con Óliver, que foi clave no Nogueira dos últimos anos, subcampión de Primeira na Liga 23/24-. Regresa cun Antela que, malia o tropezo en Maside, a enfermidade de Xabi Lamas e a interrupción da semana pasada, domina o campionato con puño de ferro, gañando partidos moi complicados en Melias, en Celanova, en Cartelle, en Muíños e blindando o feudo da Moreira.

O equipo está tranquilo e con gañas de sacudirse o malestar destas dúas semanas de chuvia e frío. Co vento nas velas dunha canteira que está a se desempeñar moi por riba das expectativas tanto en Segunda Futgal como en Primeira Futgal xuvenil. Mentres, no primeiro equipo futbolistas como Cole, Antón ou Jorge consolídanse no grupo.

O Antela afronta este próximo mes e medio a ruta de maior dificultade, xogará consecutivamente contra o Nogueira, o Melias, o Velle, o Carballiño, o Polígono e o Celanova -todos entre os dez primeiros, situados a unha distancia entre os 8 puntos, o Celanova, e os 17, o Melias-. Se repite a serie da primeira volta (seis triunfos) chegará á fase decisiva do campionato, as últimas oito xornadas nas que se xogan as Ligas, segundo sostiña Luis Aragonés, con todo (case) feito.

Óliver, no adestramento do xoves na Moreira.

AS PREVIAS


Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario