Despois de 18 anos no club, Dani Jardón, director deportivo do Antela, fai balance dos resultados a media tempada. En vésperas do Entroido, matiza esa lenda dos efectos do carnaval sobre o rendemento dos xogadores. “É certo que o Entroido incide en todo porque cambia a rutina da vila. Pero cada vez afecta menos. Os xogadores poden ter máis distraccións pero os períodos de descanso soen respectarse. Na medida do posible, eles elixen os horarios dos partidos para poder compaxinar o fútbol co Entroido”.
Que valoración fai da tempada do primeiro equipo?
O balance ata agora é excelente. Estamos tendo un números espectaculares. Fixemos a mellor primeira volta da historia do club, sendo o equipo máis goleador e o segundo menos goleado. Quedounos a pena da Copa…
E da do filial?
Está superando as nosas expectativas. Sabiamos do potencial técnico dos futbolistas. O rol que asumiron os xogadores sub-23 que adestran co A está sendo determinante na xeira do filial e nomeadamente na idea que temos de club.
E o xuvenil?
As palabras para o xuvenil quédanse curtas. A fame destes rapaces non ten límites. Máis de 300 días invictos e competindo tódolos partidos. O rol das familias cobra moita importancia, e tamén se fixo notar a incorporación de José Antonio Carbajales e Xosé Calleja como directivos encargados do equipo.

A contorna do club ten grandes expectativas, como levan esa presión a directiva e os técnicos?
A presión no Antela sempre existiu. Arredor do club sempre hai ruído, somos unha comarca futboleira. E na directiva cada un ten unha función e respéctase o rol. Para min o éxito do Antela recente emana deste grupo de directivos. En canto aos adestradores, Bruno Gómez, Marcos Ruído e Juan Forri manexan moi ben os seus vestiarios. A personalidade do Bruno, do Marcos e do Juan fai moito á hora de coordinarnos. Falar e tratar temas con eles é doado. A miña labor, máis que director deportivo que soa a moi profesional, é a de atender as súas demandas para construír os equipos. Estou encantado con eles
“O obxectivo é estar no primeiro posto o 11 de maio. A segunda volta vai ser máis complicada. Hai moita igualdade”
Haberá máis reforzos no primeiro equipo?
A posibilidade de asinar xogadores sempre está aberta. Hai un mes saíunos a oportunidade de asinar a Carlos. Xa levabamos tempo detrás del. Con Outeiriño foi distinto. Aínda que foi un xogador co que conversamos en xuño, foi unha oportunidade de mercado. Durante o ano sempre hai xogadores a proba. Pode haber novidades, si.
Cales son as metas a corto prazo para o primeiro equipo?
O obxectivo é gañarlle ao Melias o sábado é estar no primeiro posto o 11 de maio. A segunda volta vai ser máis complicada. Hai moita igualdade.
E para o filial?
No caso do filial a filosofía de partido a partido debe ser un mantra. Hai tres equipos por riba con esixencias de ascenso e feitos para iso. O Raio 21 e o Francelos teñen experiencia en Primeira; e o Coles, ao estar ao amparo da UDO, ten que estar unha categoría por riba.
E no caso do xuvenil?
Tendo en conta o nivel do equipo sería marabilloso outro ascenso e poder competir por primeira vez na Preferente. Non será fácil. E nestes catro meses que quedan de competición os 5 xogadores que rematan etapa xuvenil deberían aparecer nas convocatorias do filial ou do A.
Neste momento, que rivais lle preocupan máis nas tres categorías?
Aquí non cabe outra resposta, os seguintes: o Melias, o Caldelao e o Antas de Ulla.