Forri axita o xuvenil para debutar na Moreira

[07.02.25 | 23,00. Actualizada con convocatoria]

“Todo o mundo que estivo e está no Antela sabe que xogar na Moreira é diferente. Estou certo que os rapaces hano tomar como algo positivo. Cando eu xogaba nas categorías base, o que quería é xogar aquí, no campo dos maiores. Para os da Limia, A Moreira é coma o noso Maracaná”, di Juan Forri, adestrador dos xuvenís, que o sábado pola mañá (12,00 horas) reciben ao Antas de Ulla na cuarta xornada da fase de ascenso a Preferente. “Inda que vaia vir a mesma xente, todos sabemos que o ambiente na Moreira é distinto… xogar aquí é moi bonito. É un campo bonito e complicado, polas dimensións”, engade.

“Neste momento, nós preferiríamos xogar no sintético, que é o campo ao que estamos adaptados; mais se ao Antela xuvenil non lle beneficia xogar na Moreira, creo que ao Antas tampouco. Eles tamén están habituados a xogar nun campo máis pequeno”, opina o adestrador limiano, que ten a dúbida de Xaco, mancado, e a baixa de Lucas Carnero, por precaución.

O xuvenil dispuxo onte dunha hora para probar o céspede da Moreira, que está a superar un dos invernos máis delicados dos últimos anos. A friaxe que se anuncia para as próximas horas non impedirá que “o Maracaná limiano” ferva o sábado con dous partidos importantes (o primeiro equipo recibirá ao Melias pola tarde), deses nos que se gañan as Ligas. Na sesión deste mércores Forri estivo especialmente esixente. O xuvenil estréase esta tempada en partido oficial na Moreira, cun equipo feito e moitas expectativas, e a convicción que dá o liderado.

Juan Forri, onte na Moreira.

O xuvenil arrancou mellor ca ninguén a fase de ascenso: dez goles a favor, so un en contra e tres vitorias en tres partidos. É líder, con cinco puntos de vantaxe sobre o Antas (5º) que agora mesmo está fóra das catro prazas de ascenso directo. O Antela, ademais, vén de gañar en casa dun dos favoritos, o Residencia. “Tivemos o partido controlado desde o principio, marcamos pronto e os nosos primeiros vinte minutos foron a clave -explica Juan Forri-. Non coñeciamos ao rival, foi unha viaxe longa, máis de dúas horas en bus, para xogar de noite… así que a vitoria ten moito valor”.

O adestrador admite que o equipo está nun momento óptimo no plano físico. “Tivemos o último mes de competición da fase anterior como preparación. No Nadal desconectamos. E, na volta ao traballo, conectamos rápido. Temos moitos xogadores e iso axuda a que ningún estea sobrecargado de minutos”. Respecto á xornada (derrota do Estrada e empate do Barbadás co Verín), Forri destaca a igualdade que vai presidir a competición: “Vai ser a tónica. Non hai rival pequeno. Cando se rompe un partido, calquera pode golear a calquera”.

Do Antas, o rival pasado mañá, destaca que é un equipo “de fútbol directo” que vai ben “por arriba e no balón parado”. A xornada complétase cos choques Estrada-Residencia, Verín-Sarriana e Purísima-Barbadás. Todo está moi aberto.


Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario