[23,15 horas. Actualizada con convocatoria]
O Antela regresa á Moreira, o mellor antídoto contra a depresión post-Nadal que meteu ao equipo no lameiro da Liga cando parecía que ía emprender unha longa escapada en solitario como os inmortais do ciclismo.
De volta a realidade tras a derrota en Maside e mala sorte do empate en Luintra, o Antela precisa dunha dose da Moreira, a casa, o Marcaná limiano -que di Forri-, reencontrarse consigo mesmo, cunha defensa sólida apoiada no mellor porteiro da competición, un mediocampo exquisito e unha dianteira punzante e poderosa: os lobos ao ataque, sen Pedro, mais con Jorginho, un dianteiro en progresión constante.
Convocatoria: Andrés, Felipe, Boán, Tiago, Breixo, Óliver, Jorge, Pitu, Cole, Bruno Pío, Outeiriño, Aarón, Anxo Pena, Dinís, Joni, Caneiro, Carlos e Álex Teixeira.
O Melias chega despois de catro vitorias consecutivas e dous empates. Non perde desde o 1 de decembro, cando cedeu como local ante o Velle (1-3). Nesa serie de seis partidos só encaixou 5 goles. Na primeira volta foi un rival durísimo que o Antela puido vencer tras un gol de Tiago en xogada a balón parado, unha contra culminada por Cole e o primeiro penalti anotado por Breixo. Naquel partido o local Rucho sufriu unha grave lesión, e o ex do Antela, Poli, xa fichou polo Arnoia. O Melias perde por sanción a outro ex do Antela, Nogueiras.
SEN PEDRO
A baixa de Pedro (por acumulación de amoestacións) únese ás de Xabi (convalecente para un mes), Peque (dúas semanas máis) e Antón (unha semana máis, polo menos). Mais o Antela ten recursos dabondo: con Anxo Pena no seu mellor momento da tempada, Outeiriño reivindicándose nos adestramentos e Joni case a punto para reaparecer. Despois está a canteira.
Na sesión do xoves, ante as dúbidas, participaron catro xuvenís: Penabad, Izan, Dameá e Carnero, que necesitaba probarse. Bruno Gómez xa recorrera a Izan para o partido ante o Loñoá de hai quince días, suspendido despois a causa do temporal. Tamén estiveron Pitu e Felipe. Pitu xa xogou uns minutos ante o Nogueira, cando Aarón, inda que a solución elixida polos adestradores para cubrir o oco de Xabi Lamas foi Carlos.
O dianteiro estivo moi ben. Foi a máis durante o partido e acompañou a segunda liña ofensiva, que traballou arreo. A referencia de Luintra é o punto de reinicio do Antela. A Moreira e unha afección que xa vive o arranque do Entroido, coa noite do Petardazo xusto despois do partido farán o resto para que o equipo salte ao prado limiano coa confianza restaurada e un punto máis de ambición que nas últimas tres citas lonxe de Xinzo.
Despois dun xaneiro xélido, o Antela regresa líder e enteiro á Moreira.



















