O xuvenil xogará o sábado en Barbadás

Chegará o Antela xuvenil de Juan Forri aos Carrís -o escenario da súa última derrota en partido oficial- despois de 315 días sen perder e como líder da fase de ascenso a Preferente para se medir ao seu gran rival nos últimos anos: o Barbadás, campión de Liga o ano pasado, derrotado na final da Copa polos limianos, primeiro esta tempada na fase anterior malia saír derrotado de Xinzo e ceder un empate no seu feudo diante do Antela.

Chegará Forri sen o seu mellor xogador, Izan, baixa para unhas semanas por unha rotura de fibras no último partido contra o Antas de Ulla, cando o Antela pelexaba para remontar (e remontou) un partido que se torcera desde o principio.

A ausencia de Izan rebaixa un pouco a condición de favorito do Antela, que suma 4 triunfos en 4 partidos no arranque da fase decisiva, e colleu unha vantaxe de 5 puntos sobre o Barbadás, moito máis esixido pola clasificación, que premiará aos catro primeiros co ascenso directo. O Barbadás (13 goles a favor, os mesmos que o Antela) marcha terceiro cun punto sobre o Sarriana e o Residencia.

A mellor noticia para os limianos é que o Barbadás elixiu o sábado para a disputa do partido. Así que os limianos poderán desfrutar da noite previa ao Oleiro. Será un partido de mañá (12,00 horas). En teoría, un horario máis cómodo para o Antela a respecto das últimas saídas: dez da mañá en Oira contra o Purísima, e sete da tarde en Lugo ante o Residencia.

Tamén son novas positivas a recuperación completa de Lucas Carnero e bo momento de Fabián Montero e Erik Blanco, premiados co debut no filial a semana pasada, seguindo o camiño de Xaco, Penabad, Carba e Codes esta tempada. O nove reivindicouse diante do Antas, incisivo e loitador na primeira parte, e goleador na segunda. No que vai de Liga leva 4 goles en 9 partidos. No su último ano na categoría, chegoulle o momento de liderar o equipo xunto a Penabad e Amine mentres Izan estea fóra.

O Antela depende de si propio, mais necesita seguir sumando mentres busca o seu teito. A última vez que se inclinou foi precisamente nos Carrís, pero desde aquela xa venceu dúas veces aos azuis.

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario