O filial do Antela teima en seguir amarrado ás prazas de promoción. E ten argumentos. Os de Ruído, con 14 vitorias en 21 partidos -un de cada tres- camiñan ao ritmo dos tres equipos que os preceden na clasificación: Coles (14 triunfos, 5 empates), Francelos (15 e 2) e Raio21 (15 e 1), todos tamén por riba dos 50 goles.

Mais alá dos números, Ruído vai armando un bloque compacto cun grupo amplo de futbolistas, necesariamente amplo porque o filial debe responder cada semana ás necesidades do A. O xoves, no partido de adestramento ante o primeiro equipo, Adrián Carreira demostrou que está listo para xogar despois do seu descanso obrigado pola expulsión diante do Paderne. Vences, outro dos sancionados, tamén está de volta. David Lamas fixo un golazo de zurda. O domingo pasado volveu ver porta na Liga. Germain e Álex Teixeira teñen competencia. Só falta Belucho, lesionado. No adestramento tamén destacou un defensa, Dani Pérez, que se provou en todas as posicións da liña.
A gran novidade da convocatoria é Dani Pérez, que leva adestrando co equipo desde novembro. Dani era o último dos xuvenís que subiron de categoría esta tempada que faltaba por debutar. Andrés, Pitu, Raúl, Felipe e Álex Teixeira xa son habituais no filial. O de Dani é un reforzo afortunado e moi esperado para unha zaga que, con él, dá un salto de calidade.
O Antela B recibe mañá (16,00 horas) na Moreira ao Cented B, coa intención de sumar e esperar ao resultado do Coles-Raio21 do domingo que podería mellorar a situación clasificatoria dos limianos, nunha xornada que o Francelos recibe ao Paderne e o Purísima, o quinto na pelexa polo ascenso (12 triunfos), xoga co Rúa.
Coa Moreira como aliado (gañou todos os partidos que disputou no escenario, o Maracaná da Limia), o equipo dá pasos sen dar síntomas de sufrir de vertixe.
Convocatoria

ANTELA B – CENTED B, mañá sábado, 15 de febreiro, ás 16,00 horas na Moreira.