O xuvenil: sen teito nin medo

O Antela de Juan Forri xoga este sábado (12,00 horas) nos Carrís, o último campo no que perdeu un partido oficial hai dez meses. Non estará Izan, cunha lesión muscular que o apartará durante semanas dos terreos de xogo. Mentres Dameá, con molestias, será dúbida até o último momento.

Malia a baixa do goleador e líder do colectivo, o Antela xuvenil chega con moito traballo feito, e puntos e confianza acumuladas. Polo momento, o equipo non tocou teito e toda a presión do choque cae sobre o Barbadás, que despois de arrancar goleando á Sarriana (7-1), perdeu na Estrada e empatou nos Carrís co Verín (2-2). Os azuis deixaron cinco puntos polo camiño e non se poder permitir ceder máis na casa.

No calendario, o Antela, tal e como se está desenvolvendo a Liga, ten por diante os tres rivais máis fortes desde mañá e até o 8 de marzo (a fin de semana de Entroido non se xoga). Despois da visita ao Barbadás, virá o Sarriana (reforzado tras a goleada nos Carrís) a Xinzo e na última xornada da primeira volta espera o Estrada no seu campo.

MIRANDO O RESTO DE GRUPOS

O Antela é desde a semana pasada -tras a derrota do Choco B en Vigo contra o Colegio Hogar- o único equipo invicto nos catro grupos de Primeira Futgal. E xa suma, entre a fase anterior e a actual, 42 puntos.

Só o Montañeros da Coruña (46) no grupo 1; o Lérez (43) no grupo 2; e o Choco B (50) e o Colegio Hogar (45) no grupo 4 suman máis puntos.

Na situación actual dos arrastres, o Residencia de Lugo, quinto no grupo do Antela, o 3, e que suma 37 puntos, sería un dos tres que ascendería. No resto de grupos, o Calasanz marcha quinto no grupo 1 e ten 32 puntos; o Arousa é quinto con 35 puntos no grupo 2; e Porriño Industrial B, no grupo 4, leva 32.

BARBADÁS – ANTELA, sábado 15 de febreiro ás 12,00 horas nos Carrís.


Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario