Óliver non se adestrou onte. O centrocampista sofre molestias nun xeonllo é será dúbida até o mesmo domingo para o partido en Velle, onde o Antela se medirá a un dos poucos rivais que lle poden discutir a Liga e co que, ademais, ten unha conta deportiva pendente.
Mentres o adestrador medita como suplir a baixa de Breixo e Jorginho, sancionados esta xornada, recupera tres pezas importantes: o capitán Pedro Castro -que volve tras cumprir un partido de sanción-, o extremo Antón e o lateral Lois.
A liña ofensiva, abundante e de calidade, é a principal baza do Antela para, esta vez si, derrubar o muro do Velle e despachar outro rival na loita polo título.
PEDRO
Pedro é o atacante do Antela con máis minutos: 1.477 en 19 partidos. Só se perdeu un partido, o último ante o Melias, por acumulación de tarxetas. Leva 6 goles e xa xogou en todas as posicións de ataque. O dez volverá liderar a ofensiva o domingo, como o fixo na última cita no Monte da Aira, en maio do ano pasado, na que tamén marcou e encabezou o asedio na segunda metade sobre a meta de Valencia.
ANTÓN
Ao Antón as lesións impedíronlle ter continuidade. Na primeira volta marcou diante do Nogueira e o Velle, e despois dun bo partido na Uceira contra o Carballiño, estivo tres semanas parado. Volveu e acabou o ano sumando minutos -e outro gol contra o Maceda- e en Allariz -no primeiro partido do 2025- foi determinante. Volveu caer, mais chega xusto a tempo para xogar nun campo e contra un deses rivais que lle van mellor.
JONI E BRAIS
No adestramento deste xoves, o Antela disputou un partido dunha hora contra o filial no Fernández Carrera para irse adaptando á superficie e dimensións do Monte da Aira. Joni e Brais Outeiriño tiveron protagonismo e minutos. Ambos marcaron, evidenciaron melloría e discutirán a titularidade con Anxo, Óliver -se se recupera-, Dinís e Antón.
O Antela chega ao partido no feudo do Velle nunha situación máis cómoda e cada vez máis cerca do ton que exhibiu na primeira volta do campionato. O empate en Nogueira e a vitoria contra o Melias supuxeron unha dose de confianza despois dun xaneiro turbulento, coa derrota en Maside e a suspensión do partido diante do Loñoá.