Derrota e empate nun sábado alegre

A noticia do sábado foi o regreso de Dani Pérez aos campos de fútbol. O xogador, no seu primeiro ano sénior, volveu ser aliñado nun partido oficial oito meses despois da final de Copa cos xuvenís.

Xogaban hoxe os xuvenís en Barbadás, diante dun íntimo inimigo, precisamente o equipo que derrotaran naquela final, e perderon a súa imbatibilidade de dez meses (2-1). Os de Forri acusaron as baixas de Izan -que presenciou o partido nos Carrís axudándose de muletas- e de Dameá, a última hora. Porén, o equipo respondeu e estivo ao nivel dos locais. Puido empatar e saíu co convencimento de que sen Izan tamén se pode.

Pola tarde, na Moreira, o Antela B tivo un encontro cómodo durante 80 minutos. A vitoria parecía decidida ao descanso cos goles de Pitu e Javi Pérez. O Cented B defendeuse toda a segunda parte, e o Antela, incapaz de facer o terceiro, terminou por se descoser coas lesións de Vences e Costinha -este nun choque, e abandonou o campo mareado-. Os visitantes aproveitaron primeiro unha falta lateral e máis tarde, xa no desconto, unha indecisión da defensa -o Antela xa estaba con nove, con dez o Cented- para empatar (2-2). Unha labazada antes da festa na véspera do Domingo Oleiro.

Con todo, o sábado 15 de febreiro foi un día alegre na Moreira: volveu Dani Pérez, que traballa para facer parte dese futuro do Antela que se cría na canteira… tamén a base de derrotas ou labazadas inesperadas. Forza Dani!

O filial, antes do partido contra o Cented B esta tarde na Moreira. Imaxes: Pablo Losada Gil.

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario