A devolver a estocada

O Velle-Antela de hoxe no Monte da Aira (16,30 horas) é unha final. Para o Antela, porque ten contas pendentes co rival que lle deu a estocada a pasada campaña. Para o Velle, porque, de perder, verá moi diminuídas as súas opcións de conseguir o ascenso directo. Para o Antela, porque, de gañar, eliminaría outro rival na carreira por esa única praza de ascenso directo. Para o Antela, porque ten a ocasión de sentenciar a Liga nesta serie de seis partidos que arrancou cun empate en Nogueira e unha vitoria contra o Melias (deixando a ambos practicamente fóra da carreira polo título).

Lembren a clasificación: cos mesmos partidos (20) o Antela leva 6 puntos sobre o Celanova, 11 sobre o Córgomo e 18 sobre o Melias; cun partido menos, distancia en 10 puntos ao Muíños, en 11 ao Velle, en 12 ao Polígono e en 15 ao Sporting Carballiño e ao Nogueira. A Liga pode romper nos choques contra o Velle, o Sporting Carballiño, o Polígono e o Celanova.

Na final de hoxe non estarán tres pezas clave do Antela: Breixo e Jorginho, por sanción, e Óliver -case seguro- por lesión. Para cubrir eses ocos, Bruno Gómez recupera a Pedro e Antón, e espera poder contar con Lois. O Antela ten ademais o incentivo de se desquitar da derrota que en maio acelerou o seu descenso en competencia co Barco e co Moaña, ao perder diante dun Velle xa descendido naquela altura. “Suaremos tinta china”, manifestaba Caneiro (ex do Velle) esta semana. “A nós vannos este tipo de partidos, e este en particular máis”, avisaba Joni, o capitán.

O encontro no Monte da Aira entre o líder desde a sétima xornada e o outro gran candidato ao título é un punto crítico na tempada de ambos. Unha vitoria dispararía ao Antela. Por iso Bruno Gómez acode coa máxima ambición: devolver a estocada. Por iso presenciou o último partido no feudo do Velle no que os locais cederon ante o Nogueira para preparar variantes na ofensiva, contando cun Brais Outeiriño (outro ex do Velle) que vai a máis. E con dous futbolistas listos para potenciar o arsenal ofensivo dos limianos: Anxo e Joni.

Malia a festividade en Xinzo, onde se celebra hoxe o Domingo Oleiro, espérase boa asistencia de seareiros do Antela ao Monte da Aira, onde os limianos non gañan desde a tempada 2003-2004; é dicir, hai 21 anos.

Bruno Gómez, esta semana na Moreira.

VELLE-ANTELA, domingo 16 de febreiro ás 16,30 horas no Monte da Aira.


Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario