Un paso adiante

…fue la estocada final ante un líder que hizo sobrados méritos para acreditarse la victoria“, resume Fabián Clinaz na crónica para La Región do partido do domingo no Monte da Aira. O Antela xogaba, tamén, para devolver a estocada de hai un ano, e devolveuna.

“Era un día importante, con baixas de xente fundamental no vestiario, pero suplímolas ben”, comentou ao final do choque Bruno Gómez, o adestrador dos limianos, que na véspera apelaba ao espírito do club e chamaba a ir a Velle “a por todas”. “Saímos moi reforzados, tanto en puntos, como en xogo, como en xente á que lle pedimos dar un paso adiante, e deuno”, insistiu Bruno Gómez. E despois falou de Lois: “Quero mencionar o partido de Lois porque creo que foi unha pasada o que fixo hoxe”.

“Sabiamos onde viñamos”, dixo Carlos, outra vez como mediocampista, posición na que opina que vai “a máis e co Caneiro detrás sempre axudando”. “Era un partido complicado en metade do Entroido e penso que en xeral estivemos ben. Puidemos marcar algún gol máis, que creo que é o único no que estamos fallando… eu o primeiro”, admitiu. “Do Velle”, engadiu, “xa non nos preocupamos máis este ano, a ver para o ano…”.

Pedro, despois doutro esforzo descomunal, desexoulle sorte ao Velle e indicou que a partir de agora toca pensar noutros rivais. “Viñamos a un campo moi complicado, a traballar moito defensivamente,foi o que fixemos, saíunos ben e dá igual que levaramos 21 sen gañar aquí. Gañouse hoxe [polo domingo] que era o importante e seguimos líderes”, explicou.

“Era un partido importantísimo polo rival e polas baixas moi sensíbeis. Mais o equipo xuntouse, traballou e sacou o partido adiante”, comentou Álex Boán ao final, e valorou o partido do seu compañeiro no centro da zaga, Lois: “Non está afeito a xogar aí, pero estivo moi concentrado e fíxoo moi ben”. Boán pensa que os puntos en Velle, diante dun rival directo, eran “importantes”, mais advirte que terán a mesma importancia “os tres puntos ante o Carballiño, e ante o Polígono, e despois ante o Celanova”. “Partido a partido”, reclama.

Bruno Gómez, tras o partido do domingo.

A medio camiño desa Liga en mes e medio, o durísimo calendario de Entroido, con tres partidos disputados: o Antela sumou un punto en Nogueira -onde só gañou o Córgomo en decembro e o Monterrei na primeira xornada-, venceu ao Melias na Moreira e superou ao Velle no Monte da Aira -onde só gañaron o Muíños (na primeira xornada) e o Nogueira en febreiro-.

Bruno Gómez non só eloxiou o partido de Lois, tamén o de Brais Outeiriño -un gol, dous paus, e desequilibrante sempre mentres estivo no campo-. “A Brais coñézoo desde xuvenil. Ten moita calidade. Cando lle das confianza, pois fai isto: xogou moi ben“. Despois, ponderou o “fondo de armario”: “Tiñamos moitas baixas, pero a nós non nos preocupa tanto, temos fondo de armario, confiamos no B, confiamos no xuvenil…”. O partido pechouno un gol de Pitu -que ten ficha co B e adestra co A- e Lucas Carnero -xuvenil de segundo ano- debutou co Antela.

Superada a cita do Monte da Aira, o Antela concéntrase agora na Moreira: “Virá o Carballiño, despois o Celanova, temos que facernos fortes alí. É a nosa casa”. Na Moreira, o Antela ten pendentes 7 partidos (incluído o adiado ante o Loñoá). Como locais, os limianos son tamén o mellor equipo do grupo: suman 8 vitorias e 2 empates (80% de triunfos, só 4 puntos cedidos). O Celanova e o Córgomo teñen as mesmas vitorias e empates, mais suman dúas derrotas cada un (é dicir, un 66% de triunfos e 10 puntos cedidos).

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario