O plan B de Forri no regreso ao sintético

A sexta xornada da fase de ascenso a Preferente no grupo 3 da Primeira Futgal Xuvenil comeza esta tarde en Lugo, co choque entre o Residencia (5º clasificado, con 9 puntos) e o Verín (7º, 2 puntos), e continuará mañá en Xinzo co Antela (líder, 12 puntos)-Sarriana (4º, 9 puntos) que se citaron para as 12,00 horas no Fernández Carrera, con posibilidade de chuvia e temperatura ao redor dos dez graos. Inverno.

O frío cobrouse as baixas de Fiz, Richi e Dennis, con gripe esta semana. Regresa Erik, reforzo para a dianteira; Dameá é dúbida; e Izan segue a súa recuperación.

O Antela de Juan Forri, que vén de perder en Barbadás (2-1), chega líder nunha competición moi igualada, con cinco equipos separados apenas por tres puntos e loitando por catro prazas. Forri está a armar un once novo para compensar a baixa de Izan.

A clave está en atopar un elemento que estire o equipo e acompañe a Codes na punta. Jorginho, que xogou dous partidos co xuvenil, é un recurso que nestas alturas parece improbábel -finalmente, estará na convocatoria-. Na defensa, o regreso de Dameá, no aire, axudaría a recompoñer a estrutura. Aquí o adestrador conta con máis efectivos: Pablo Novoa ofrece solucións en posicións exteriores e Aarón, nas interiores, como demostraron nos Carrís.

Forri leva toda a semana incidindo no aspecto anímico para provocar unha reacción no equipo e executar un plan B sen Izan, despois de dez meses sen perder un partido (con ou sen Izan). A favor de obra xoga o feito de que o Antela volve a casa, o sintético, onde empezaron a mamar o fútbol a maioría destes futbolistas.

O Sarriana, un descoñecido, parece un rival en forma que vén de sumar tres vitorias (diante do Estrada, o Verín e o Purísima) e superar o 7-1 que apañou na primeira xornada en Barbadás. Fóra, gañou en Verín. Antoni Bonilla é o seu mellor goleador (con 7 tantos) e, ademais dos porteiros (Hugo e Rubén), os dianteiros Pablo e Nico teñen experiencia en convocatorias co primeiro equipo.

ANTELA xuvenil – SARRIANA, sábado 22 de febreiro, 12,00 horas no Fernández Carrera.


Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario