Todos queren xogar, todos queren marcar

O Antela xa non é o equipo máis goleador do seu grupo. Suma 44 goles (2,09 por partido). O Córgomo, cinco goles ao Seixalbo, alcanzou os 46 (2,19 por partido) co mesmo número de partidos. O Sporting Carballiño -visitante o domingo (12,00 horas) da Moreira- suma tamén 46, pero cun partido máis, o que dá a mesma media que o Antela. Hai certa obsesión co gol na Moreira, e con razón.

Os goles van caendo, o equipo crea ocasións dabondo, sobre todo nos comezos de cada período… mais os goles tardan en chegar: como no choque en Vilamartín, que acabaron remontando os locais, ou en Nogueira, onde o rival empatou no desconto, ou en Celanova e en Cartelle, ou na casa contra o Melias, co marcador a favor pola mínima cando a superioridade no xogo foi esmagadora… ou o domingo pasado en Velle, sufrindo até o minuto 80.

A falta de estatísticas oficiais, dá a impresión de que o Antela remata moito e define pouco. Quitando a Breixo, defensa e lanzador dos penaltis, que suma 8, o cadro de goleadores está así: Pedro, 6 goles, un cada 261 minutos (case tres partidos); Óliver, 6 goles, un cada 224 minutos; Jorginho, 5 goles, un cada 205 minutos; Joni, 4 en 791 minutos; Antón, 4 en 554 minutos; Dinís, 1 en dezasete partidos; Carlos, 1 en seis; Anxo Pena e Álex Teixeira, sen se estrear. A produción do resto tampouco é destacábel agás os 3 tantos de Cole en 20 partidos.

O xoves, Bruno Gómez dedicou case media hora á accións de un contra un na área. Os xogadores puideron deleitarse facendo goles, malia os esforzos de Bruno Pío e Andrés, os porteiros. Bruno observou parte da sesión desde detrás da portería.

Todos queren marcar, e todos queren xogar. Joni, despois dos problemas o domingo en Velle, parece disposto a defender o seu posto como titular; Dinís, tras dous partidos saíndo para defender a banda, volve reivindicarse como dianteiro, como se reivindicaron Antón e Outeiriño no Monte da Aira, o mesmo día que Anxo convenceu de que ten condicións físicas para xogar na banda ou como nove. Pedro e Jorginho tampouco están dispostos a ceder galóns de titulares. Mesmo Óliver e Álex Teixeira, ambos con molestias, forzaron para se mostrar. Carlos, agora mediocampista, tamén fixo exhibición da súa calidade.

O Antela crea, chega e necesita definir para vivir máis cómodo os partidos que domina ante rivais, como o Sporting Carballiño, que buscan o intercambio de golpes.

Na Uceira, nun choque de ida e volta, o Antela puido golear e acabou gañando 2-3 despois de utilizar a Pedro (2 goles esa tarde), Jorginho (1 gol), Dinís e Antón no equipo titular, e completar os cambios con Joni, Anxo Pena e Óliver. O Antela nunca perdeu o control do xogo, e non parou de xerar ocasións até o final. Mais, tamén até o final, estivo exposto a un accidente.

É o sino dos limianos nesta Liga desde o partido inicial diante do Maside. Agora, despois do golpe de autoridade e a dose de confianza tras o triunfo en Velle, Bruno Gómez intenta corrixir esa traxectoria. Ten 9 nove lobos, máis de dúas dianteiras completas, dispostos a correr e a golear.

O Sporting Carballiño, que a estas alturas xa asegurou a permanencia, ten opcións de pelexar pola promoción. Está a 6 puntos do Celanova, a 4 do Córgomo e a 1 do Muíños, aos que se enfrontará no próximo mes, previo paso pola Moreira (este domingo) e por Cartelle (o día 9).


Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario