Hai un ano, o último Corredoiro celebrouse o primeiro domingo de febreiro, na Moreira debutou Sidi que marcou un gol tras forzar un erro do porteiro do Atios. Non alcanzou, o Antela acabou caendo por 1-2 e daquela andaba a escapar do descenso, moi xunto co Barco.
Pasou un ano e o Barco, con Sidi, é líder da Preferente e o Antela manda na Primeira Futgal. Así é o fútbol, a cousa menos importante das importantes que acontecerán mañá en Xinzo. Mentres as pantallas toman o centro da vila, na Moreira (desde 12,00 horas) o Antela irá ao asalto do Sporting Carballiño. Con todo. Porque volven Breixo, Óliver e Jorginho, reclamando o seu posto de titulares fronte aos Anxo, Antón, Outeiriño, Carlos e Lois, que tombaron a semana pasada o castelo do Monte da Aira.
O Antela espléndido de outubro e novembro -con aquela eliminatoria de Copa diante do Barco de Sidi, tamén de mañá e en festivo- está de volta. Mentres A Limia entroida, o Antela sorrí. O que cambian as cousas dun ano a outro!… mesmo dun mes a outro.
O Antela sorrí porque o seu problema son os paus da portería contraria, porque topa con varios ultimamente; o que quere dicir que o Antela chega e remata. E pode golear a calquera, como a tarde do Melias (en sábado) ou mesmo en Velle; o que quere dicir que calquera sábado ou domingo, de tarde ou de mañá, choverán os goles entre pau e pau.
O Carballiño é un adversario á medida deste Antela optimista. Os de Martín suman este curso 46 tantos, o propio Martín leva 11, o último a semana pasada para remontar ante o Melias. O Carballiño ademais vén en boa racha. Desde que comezou o ano gañou 5 partidos e perdeu un, sumou 15 puntos e marcou 16 goles. Son números mellores que os do Antela, que gañou 4 partidos, empatou un e perdeu outro, 13 puntos en total (cun partido menos) e 6 goles.
Así que o partido discutirase nas áreas: a pegada visitante contra a mellor defensa do campionato; a abundancia dos locais fronte a unha defensa que concede máis do dobre de goles que a do Antela.
Convocatoria: Andrés, Bruno Pío, Breixo, Boán, Tiago Teixeira, Cole, Lois, Óliver, Jorginho, Pedro, Brais Outeiriño, Aarón, Anxo Pena, Raúl Dinís, Joni, Caneiro, Antón e Carlos.
ANTELA – SP. CARBALLIÑO, o domingo ás 12,00 horas na Moreira.



















