O Antela B, con baixas por acumulación de tarxetas e lesións, visita mañá domingo ao Rúa (12,30 horas) no Aguillón, en partido correspondente á 23ª xornada de Liga da Segunda Futgal. Marcos Ruído, adestrador dos limianos, non poderá contar con Carrasco e Pitu -ambos por sanción-, e Borja, Manu, Belucho, Álex e Vences, lesionados. En principio, só podería recuperar un xogador a respecto da última convocatoria, Felipe.
É posíbel que complete a convocatoria con algún xuvenil, despois do partido deste sábado dos de Forri, que non volverán xogar até a segunda fin de semana de marzo.
O Antela B venceu ao Rúa a mediados de outubro en Xinzo (3-2). Os valdeorreses non gañan desde decembro, e no seu campo xa cederon 4 derrotas e 2 empates. A distancia entre ambos equipos na clasificación é de 28 puntos, mais as baixas nos limianos, o escenario e, sobre todo, a hora do partido -cun desprazamento de case dúas horas polo medio- equilibran o prognóstico.
Mais o filial está obrigado a puntuar para seguir amarrado á cabeza. Na Rúa xa gañaron o Coles, o Purísima e o Toén (0-1, hai quince días). Con Javi Pérez e Cristian, Xurxo e Pío, e Germain e Carreira, o Antela B parece contar con elementos suficientes para vencer a un histórico que sofre outra tempada máis, a pasada xa caeu da Primeira Futgal e non logra levantar cabeza.
RÚA – ANTELA B, domingo 12,30 horas no Aguillón.











