Despois dun arranque de ano turbulento, o Antela está acantonado. Retiradas as tropas aos cuarteis de inverno na Moreira, Bruno Gómez pide “tranquilidade” nunha semana densa, entre o Corredoiro e o Entroido, que vai culminar o sábado en San Cibrao cun partido transcendente ante o Polígono, terceiro clasificado.
As tropas de Marcos Ruído, as do filial, tamén buscan a calma esta semana despois dun final de mes perturbador co empate diante do Cented B e a derrota na Rúa. O seu choque do sábado no Fernández Carrera co Lobios non preocupa tanto pola resistencia que poida opoñer o rival, penúltimo, como pola resposta do Antela B sobre o que se teñen levantado tantas expectativas.
Hoxe ambos equipos volverán a se adestrar a 48 horas de dous encontros vitais. O martes xa se adestraron, xuntos no sintético, como para arrouparse, curándose.
Non hai urxencias para o primeiro equipo, senón necesidade de recuperar a confianza e a ambición tras os golpes de dous empates cedidos no desconto. A sorte está de costas ao líder como na primeira volta estivo de cara.
A noticia máis positiva da semana é que Peque e Xabi Lamas volveron exercitarse na Moreira. Unha leve sesión física: bicicleta para Peque e estiramentos para Xabi. Tardarán inda en volver, pero xa están co resto da tropa. O martes, Lois -que se retirou o domingo- e Joni, non se adestraron. O resto estiveron todos, incluídos Raúl (tamén con molestias) e Pitu.

O partido ante o Polígono é transcendente como prólogo ao que poder ser un choque decisivo na disputa do título (e o ascenso directo) ante o Celanova o 9 de marzo. A vantaxe do Antela respecto dos amarelos é clara (12 puntos e un partido menos). A vantaxe co Celanova reduciuse en cinco puntos desde o comezo da segunda volta. Mais antes do partido co Celanova, o Antela ten que descartar o penúltimo adversario polo trono, como foi facendo (tamén cos empates) nas últimas xornadas co Nogueira, o Melias, o Velle e o Carballiño. Nesa perspectiva, a segunda volta do equipo está sendo moi eficaz. “Tranquilidade. Somos un equipo difícil de gañar”, insiste Bruno.
Para o filial de Marcos Ruído, que se segue en zona de promoción malia ter sumado só un punto dos últimos seis posíbeis, tampouco hai urxencias na clasificación. O partido ante o Lobios é a ocasión para reencontrar o camiño. Distanciados o Coles -que gañou onte seu partido adiantado contra o Cenlle (3-1)- e o Francelos, a pelexa do filial será co Raio21 (a seguinte saída), o Purísima, o Toén e o Vilariño.
Ruído recuperou xa o martes a Borja Rubén e Vences, que andaban lesionados. Tamén volverá contar con Carrasco e Pío despois das suspensións. E Belucho -a mellor noticia da semana no filial- volveu participar do adestramento despois de dous meses. O xuvenil, que descansa esta xornada, poderá volver nutrir de xogadores o B. Ademais dos lesionados, contra o Lobios causarán baixa Adrián Carreira e Xurxo Santana, por acumulación de amoestacións.

O partido do filial disputarase o sábado no Fernández Carreira a partir das 16,00 horas; hora e media despois comezará no Polígono o partido do primeiro equipo. En dous días comeza marzo, e o Antela (en Primeira e en Segunda) recomponse para seguir tendo a máxima ambición.











