Xabi e Peque seguen lesionados. Óliver e Lois están a se recuperar das súas doenzas, mais Bruno Gómez non os descarta para o partido de mañá sábado (17,30 horas), a domicilio, contra o Polígono. “O Antela está ben, hai que defender mellor todas as accións a balón parado para evitar eses goles nos minutos de desconto”, afirma o adestrador, que, máis alá das posíbeis baixas, ten dúbidas na dianteira (pola tremenda competencia nos extremos e na punta) e podería introducir algún retoque na defensa.
“Do Polígono preocúpame un pouco todo”, manifestou Bruno ao remate da sesión preparatoria do xoves -no sintético, para adaptar o equipo as características do campo rival. “Preocúpame polo que vin na Moreira na primeira volta, son valentes, gústalles ter o balón. Foron un pouco irregulares ao principio porque se xuntaron moitos novos, pero creo que teñen un bo cadro de xogadores. Será un partido moi igualado”, vaticina.
Fóra da casa, o Antela só perdeu dous encontros (en Vilamartín e en Maside). Bruno insiste en que os limianos son difíciles de vencer, mais asume que necesitan mellorar tanto na definición nas xogadas de ataque como na defensa das accións a balón do rival. De cara a mañá, o adestrador pon por diante a defensa: “Se mantemos a portería a cero, podemos gañar, porque xeramos moitas ocasións e algunha sempre entra. A defensa, agora, é o máis importante”.

O partido contra o terceiro clasificado, que no seu campo cedeu dúas derrotas (ante o Viana, 2-3, en novembro; en co Muíños, 0-1, en xaneiro) e a ocasión para o Antela de se afirmar no liderado antes de recibir ao Celanova, segundo, a sete puntos. Case ninguén na Liga ve posibilidades certas de derrubar ao Antela da cabeza, malia os dous empates e a derrota en Maside neste inicio de ano. “No Celanova temos de pensar para a semana”, conclúe Bruno Gómez, que segue estes días programou un partido con presenza de varios xuvenís, aproveitando o descanso do equipo de Forri. Os últimos en incorporarse aos adestramentos foron Anxo Calleja e Aarón, futbolistas de segundo ano, mentres Lucas Carnero -debutante en Velle- segue na recámara por se hai baixas entre os centrais.
Convocatoria: pendente.
O ANTELA B RECIBE AO LOBIOS
Para as 16,00 horas de mañá, Sábado de Entroido, está programado no Fernández Carrera o encontro do filial co Lobios. Marcos Ruído non pode contar con Xurxo e Adrián Carreira, por acumulación de tarxetas. Álex Teixeira está para xogar. Parece tamén o caso de Borja Rubén, mentres con Óscar Vences e Belucho hai máis dúbidas. Manu volveu a adestrar hoxe. O técnico podería botar man dalgún xuvenil. Fabián apareceu nas convocatorias para viaxar a Caldelao e A Rúa. Erik anotou o gol limiano na Rúa. A defensa e a dianteira son as liñas máis afectadas polas baixas.
No resto da xornada en Segunda Futgal, despois do partido adiantado Coles-Cenlle (vitoria local), o Antela estará pendente do Purísima-Raio21, que se xoga á mesma hora nos Carrís. Son dous rivais directos na loita polas prazas de promoción, e o Antela visitará a próxima xornada ao Raio.
Convocatoria: pendente.











