Cinco vitorias en seis partidos, 17 goles a favor (co Barbadás, o equipo máis anotador), apenas 5 en contra (o que menos recibe), líder empatado a puntos co Estrada, o próximo rival, o Antela xuvenil avanza directo ao ascenso a Preferente.
“Estamos onde queríamos estar”, di Juan Forri, o adestrador. “Somos un equipo que fai goles; así que sabiamos que, en canto pecharamos a portería, seriamos un rival difícil de superar”.
“Na casa somos especialmente fortes”, abunda Forri. “E fóra, quitando o partido en Barbadás [única derrota], estamos sentíndonos bastante cómodos. Non necesitamos moito o balón, e supoño que iso axúdanos”.
O Antela concluirá na Estrada a primeira volta da fase de ascenso, a súa cuarta viaxe, contra o que a priori parece o seu gran rival na carreira polo título. O Estrada gañou ao Barbadás (2-1) no seu primeiro partido na casa. Mais Forri ve aos ourensáns como o principal candidato: “Non sei se é porque os coñezo moito de tantas veces que nos temos enfrontado, pero para min son os favoritos. Gustoume tamén moito o Sarriana. E fáltame ver o Estrada, que todo apunta a que é un gran equipo”.
O xuvenil arrastra a baixa de Izan desde o choque diante do Antas (3-2, na Moreira). Unha baixa que pesou no partido seguinte (derrota en Barbadás, 2-1) e mesmo o día da vitoria co Sarriana malia presenza de Jorginho. “Ímola suplindo un pouco entre todos. Non temos un futbolista coma el: Jorginho é compatíbel, pero non similar. Jorginho pode facer algunhas cousas que facía o Izan; Anxo outras, Fabián outras… Todos teñen que arrimar o ombreiro”, di Forri.
O adestrador non quere que se fale do ascenso antes de telo amarrado. Así que, de momento, prefire subliñar que o xuvenil está a cumprir o seu rol como equipo de canteira. “Non vou falar de cando camiño temos percorrido até o momento no obxectivo do ascenso nin botar contas. En canto á nosa función principal: a día de hoxe o 66% do cadro de xogadores do xuvenil xa adestraron esta tempada co primeiro equipo”, precisa.
Onte mesmo, Anxo Calleja volveu entrar na convocatoria do primeiro equipo, mentres Hugo Penabad xogaba o seu segundo partido co filial e anotaba o seu primeiro gol entre os sénior. Lucas Carnero xa debutou co A en Velle, e outros tres xuvenís xa xogaron tamén co B (Xaco, Fabián e Erik, quen tamén anotou un gol).
Na Liga xuvenil polo ascenso, Forri utilizou 23 futbolistas, entre eles, Jorginho, titular co primeiro equipo e ao que reclamou para o debut ante o Verín e o choque da semana pasada co Sarriana. Cinco dos xogadores que o xuvenil promoveu a tempada pasada a idade sénior xa debutaron co A e son habituais co filial. Dani Pérez, recuperado, xa se asentou no B.











