A Liga en mes e medio, o tramo decisivo do calendario, o máis costa arriba para o Antela, concluirá dentro de sete días na Moreira cun partido que porá nota aos limianos. Será unha final en marzo. Sen Breixo, expulsado onte, mais co equipo enteiro e invicto nesta xeira de xogos contra rivais directos na que o Antela foi despachando sucesivamente ao Nogueira (16 puntos abaixo, hoxe), ao Melias (a 20), ao Velle (a 16 puntos), ao Sporting Carballiño (16) e ao Polígono (12).
Queda o Celanova, o único rival que mantén o ritmo do Antela e que, se gaña hoxe ao Carballiño, empezaría o choque en Xinzo a cinco puntos dos de Bruno Gómez.
O Antela vai negociando con solvencia este tramo empinado do camiño a Preferente. Onte empatou no Polígono (2-2) o único partido desta serie no que non foi superior ao rival. O Polígono meteu ao Antela nunha guerra de trincheiras e artillería na que foron máis fortes en cada choque para recuperar cada balón chovido do ceo no intercambio de rexeites.
Foi un partido de fútbol aéreo e cóbados, unha tortura para o Antela que sofreu diante dun mediocampo amarelo máis poboado e con máis músculo. Bruno Pío, sobre todo na segunda parte, tivo que intervir máis do habitual.
Sen Antón e Anxo, Bruno Gómez recuperou a Óliver para o ataque xunto a Jorginho e Outeiriño. E mentres o mediocampo visitante tivo pulmóns para equilibrar a batalla, o Antela puido golpear con contundencia. Primeiro nunha contra levada por Jorginho que Óliver culminou tras varios bloqueos da defensa local. Mais o Polígono respondeu na xogada seguinte. E o Antela volvéuse poñer diante apenas sete minutos despois nunha acción a balón parado na que Jorginho volveu percutir e Breixo resolveu case sobre a liña de gol.
Media hora e 1-2. O partido parecía controlado. O Polígono empurrou con fútbol directo e físico até que o mediocampo visitante afroxou definitivamente xusto antes do descanso. O empate chegou nun balón rexeitado que cazou David ao borde da área, solo, e cruzou un bo disparo raso imposíbel para Bruno Pío.
Na segunda metade, o Polígono pareceu máis cómodo co empate que o Antela. E xogouse coas súas cartas. O ataque limiano topou cun muro no mediocampo contra o que os balóns en largo resultaron ineficaces. O Polígono recuperaba rápido e cargaba o xogo pola dereita da defensa visitante. Desde aí chegaron as mellores oportunidades dos amarelos. Bruno Pío evitou a derrota nun man a man ao borde da área pequena.
A segunda volta -xa se dixo- é unha carreira sobre o lameiro das urxencias de cada rival. Contra o Antela, todos celebran un empate coma unha vitoria. Nos días malos, o líder é o máximo que concede (salvo accidente: Maside). A Moreira, nesta perspectiva, é un seguro. Alí recibirá ao Sporting Celanova nunha final polo liderado. Pode ser o último adversario que lle discuta a única praza de ascenso directo. A confirmación de que o Antela xoga unha Liga distinta: contra todos, contra ninguén. Contra si propio ao fin.
FICHA TÉCNICA
A.C.D. Polígono, 2; Antela, 2.
Polígono: Adrián; Pucho, Atiza (Roi, 55′), David, Jota (Germán, 82′), Choupas, Juan (Sanmiguel, 71′), Siño, Iago, Peque e Constela.
Antela: Bruno Pío, Cole, Breixo, Boán, Tiago Teixeira, Caneiro, Carlos (Lois, 60′), Pedro (aarón, 88′), Óliver (Pitu, 88′), Outeirirño (Joni, 70′) e Jorginho (Álex Teixeira, 70′).
Goles: 0-1, min. 20: Oliver; 1-1, min. 21: David 1-2, min. 28: Breixo; 2-2, minuto 43: David.
Árbitro: David Guzmán. Amarelas aos locais Pucho, Adrián e David; e aos visitantes Outeiriño, Tiago, Jorginho, Pedro e Álex. Expulsou con cartón vermello directo a Constela, do Polígono, e a Breixo, do Antela.
Incidencias: Un centenar de espectadores no estadio Antonio González.
GALERÍA
























