O Sporting Celanova é o único equipo que mantivo o ritmo do Antela nestes oito meses de competición. Nas vésperas do choque entre ambos na Moreira, os números do conxunto que dirixe Ángel Mociño son tan rotundos como os dos limianos. Suma o 69,5% dos puntos en disputa, fronte o 76,8% dos de Bruno Gómez. E no que vai de segunda volta de competición, o Celanova é o mellor equipo da Liga: 15 puntos, por diante do Loñoá (13) e o Córgomo (10) e o Antela (9) entre os que disputaron un partido menos, e tamén por diante de todos os demais: Carballiño e Muíños (13), Polígono, Nogueira e Monterrei (12), e Velle (10).
O Celanova está a mellorar o seu arranque de Liga nos sete primeiros partidos antes daquela visita do Antela. Os de Bruno Gómez tiñan unha vantaxe de 3 puntos sobre os sportinguistas antes do clásico, que marcou un punto de inflexión: o Antela distanciou en 11 puntos ao Celanova até o fin da primeira volta de competición.
Cumpridos seis meses, dous terzos, de competición, o Antela-Celanova deste domingo na Moreira volve ser unha cita clave. De gañar, os locais eliminarían case definitivamente ao último rival que lles pode discutir o título e, polo tanto, o ascenso directo. De gañar o Celanova, os de Mociño abrirían unha loita a dous por un campionato que hai un par de semanas (vitoria do Antela en Velle, derrota do Celanova co Loñoá) parecía xa en mans limianas.
Mais as remontadas non son tais até que non se completan. E a vantaxe, con dez partidos por diante despois do domingo, segue sendo do Antela, que ademais terá un calendario, sobre o papel, máis cómodo: Cartelle, Córgomo, Loñoá, Muíños e Allariz, na Moreira; A Peroxa, Maceda, Seixalbo e Monterrei, fóra. O Celanova inda deberá enfrontar co Córgomo, o Muíños, o Velle, o Nogueira e o Polígono nas semanas seguintes.

QUEN É O PERSEGUIDO?
A sensación desde A Moreira é a dunha carreira ciclista dun día, na que por detrás vén un pelotón de perseguidores, que non acaban de dar caza ao Antela, escapado.
A sensación fóra de Xinzo é a dunha carreira por etapas na que o Antela, o líder, leva unha vantaxe notábel, e responde a cada ataque, minando a moral dos adversarios que se empezan a se vixiar entre eles… na loita pola segunda posición.
O Celanova leva desde decembro mirando máis cara atrás, cara a dous inesperados convidados, o Muíños e o Córgomo, e aos habituais Nogueira, Polígono e Velle. O Polígono, o Nogueira e o Velle, despois de enfrontar ao Antela, están a 12, 13 e 15 puntos do liderado (os tres, cun partido máis), respectivamente.
Acontece que o Antela adoita a estar sempre por riba do rival, mantendo a ameaza até o final e, no peor dos casos, empata. O Celanova virá prevido á Moreira, onde ninguén gañou esta Liga. Iso si, un clásico é un clásico; e o Celanova foi o último equipo capaz de tombar ao Antela na Moreira en Primeira. Foi en decembro do 2021, con Breixo, Pedro, Joni e Xabi Lamas no once titular de Julio Rodríguez. O Celanova gañou 0-2 con goles de Mike ao principio e ao final do partido. En xaneiro do 2022 Sabucedo tomou o relevo e o Antela acabou gañando a Liga e o ascenso.


