A Liga nun partido: o clásico co Celanova na Moreira

📷 O once do Antela que gañou en Celanova (0-1) a finais de outubro.

O Antela adestrou onte mércores nunha suave sesión preparatoria despois de tres días de descanso e Entroido. Faltaron media ducia de xogadores, por cuestións laborais ou doenzas; pero estivo Xabi Lamas, que volve tocar balón após un mes de recuperación da súa operación de apendicite a finais de xaneiro.

Os limianos adestrarán de novo hoxe e mañá, venres, para chegar o mellor posíbel ao domingo (12,00 horas), cando se enfrontarán na Moreira ao Sporting Celanova.

O clásico -que segundo as previsións xogarase baixo a chuvia destes días- mide os dous mellores equipos do campionato: o Antela, líder desde a 7ª xornada de Liga, e o Celanova, segundo desde a mesma data. Hai un título, que vale o ascenso directo, en xogo. E Bruno Gómez conta as baixas: Peque e Xabi Lamas, en recuperación; Breixo, sancionado; Antón e Lois, dúbidas.

Lamas, que onte volveu adestrar co grupo, xa non puido ser convocado para o choque contra o Loñoá (aprazado até a semana santa), e perdeuse tamén os partidos contra o Nogueira, o Melias, o Velle, o Sporting Carballiño e o Polígono. Titular en 14 dos 18 primeiros partidos, foi unha baixa notábel no eixo do equipo. Inda tardará uns días máis en estar listo. A participación de Antón e Lois non se descarta. Antón retirouse por prudencia da sesión do venres pasado e xa non xogou contra o Polígono. Onte apenas se adestrou uns minutos. Ten un pé na enfermaría e outro na cancha. Lois, lesionado no partido ante o Carballiño, puido xogar a segunda parte no Polígono.

No Celanova, Ángel Mociño recupera a dous habituais, o defensa Manuel González e o mediocampista Pablo Pazos. Na Moreira hai curiosidade por ver de novo a Júnior Moreno, o colombiano que a pasada tempada se aliñou co Antela en 22 partidos. Moreno é unha das últimas fichaxes dos visitantes xunto con Íker Baltar (ex Arnoia) e Álex Cid (ex Nogueira). Íker xa é titular nun equipo que se organiza ao redor de Javi Gallego (8) e pivota sobre o traballo de Diego Rivera no medio campo e Rizos e Brais Álvarez en ataque.

Na primeira volta en Celanova, o Antela -superados os minutos iniciais- foi mellor durante unha hora de partido até a expulsión do defensa local Álvaro Coello (min. 73). Tomara vantaxe na primeira metade cun gol de Breixo tras un córner. Mais despois, en superioridade, non foi capaz de anotar o segundo e acabou sufrindo para gardar os tres puntos diante do empuxe dun Celanova con bo ton físico.

Como visitante, o Celanova é o segundo mellor equipo da Liga por detrás do Antela: anotou os mesmos goles que os limianos fóra (22) e encaixou un tanto menos (9). Leva 6 triunfos (por oito do Antela) e foi quen de vencer en Vilamartín e Melias.

A Moreira, nesta Liga, volve ser un fortín. O Antela suma 8 triunfos e 3 empates na casa, para un total de 27 puntos sobre 33 posíbeis. E pola Moreira xa pasaron 7 dos 9 equipos que seguen ao Antela na táboa: despois do Celanova só faltarán o Córgomo e o Muíños. Os de Bruno Gómez saben que unha vitoria o domingo deixaría ao Celanova case fóra da pelexa polo título -a 8 puntos, con 30 por disputar- e obrigado a mirar máis cara abaixo que cara ao liderado. Unha mensaxe definitiva para toda a Liga.

Así que, quen dixo que o partido non é unha final? Gañar a Liga é unha cuestión de regularidade, mais tamén de ter o poder de golpear en determinados momentos até convertelos en definitivos. O Antela fíxoo en Nogueira, en Velle e no Polígono con partidos e resultados diferentes; agora, na Moreira, esíxese gañar.

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario