É o partido do ano, como di Martín Caneiro, peza clave no xogo e no rendemento do Antela nesta Liga, home de confianza de Bruno Gómez, líder no medio campo. A Caneiro, como a Pedro, Breixo (que non xogará por sanción) ou Joni -os capitáns- non fai falta que ninguén lles insista na transcendencia que pode ter o choque co Celanova de mañá domingo na Moreira (12,00 horas).
A diferencia das sesións previas ao partido no Monte da Aira –o do desquite e a estocada-, hai un mes cando o equipo andaba mudando a pel, o ambiente desta semana previa na Moreira foi eléctrico. Nin a chuvia nin a obriga de adestrar no sintético para preservar no posíbel o prado para mañá pareceron incomodar a ninguén. Porque ninguén se queixou nin se tapou con escusas nin escapou da pelexa nos adestramentos.
A sensación é que os xogadores asumen o papel de favorito do Antela ante un Sporting Celanova enorme, ben reforzado e que mantén o ritmo do líder cun esforzo considerábel. Chegado o momento decisivo da tempada, é a hora dos futbolistas: o seu día, o partido do ano.
A baixa de Breixo, que nos días previos á cita en Velle aparecía como unha lousa, xera hoxe unha preocupación menor. En parte porque Lois demostrou naquel choque que pode suplir ao capitán sen que a defensa sufra; en parte porque a confianza no colectivo empezou a subir enteiros aquela tarde en Velle e, malia aos empates, seguiu medrando nos dous últimos xogos co Carballiño e co Polígono, case tan temíbeis como este Celanova.

Bruno Gómez trata de moldear a presión na contorna do equipo. “O partido vai ser moi igualado, como foi alá, porque somos dous equipos moi parellos. A vitoria vai estar nos pequenos detalles. Esperamos un Celanova atrevido, que nos veña buscar ao noso campo. Unha final? Queda moita Liga”.
Despois do Entroido, o Antela adestrou esta semana en sesións de mércores, xoves e venres. O equipo xuntouse, esforzouse e mesmo se divertiu. Todos queren estar, e Bruno Gómez atreveuse a incluír a Antón -baixa desde hai dúas semanas- e Xabi Lamas -que apura a súa recuperación e apenas empezou a tocar balón- nunha lista ampla de 21 na que suma un xuvenil, Hugo Penabad, recupera a Raúl Lorenzo e Anxo Pena -ausentes o sábado pasado- e tamén aparecen Aarón Blanco e Lois, ambos con molestias. Todos queren estar.
“O campo estará ben. Estará mollado e bastante rápido”, tranquiliza Bruno Gómez diante das últimas chuvias. O Domingo de Piñata, nostalxia do Entroido, é mañá de fútbol na Moreira, partido grande, un clásico que pode valer un ascenso. O Celanova -adiada na vila a celebración do sábado de piñata- desprazará seareiros, e confía en dar outra trincada á vantaxe do Antela.
Na Moreira, os lobos con Pedro Castro e Jorginho á fronte queren celebrar seu día: o domingo dos xogadores.
ANTELA – CELANOVA, 25ª xornada de Liga | Domingo ás 12,00 horas na Moreira.



















