“Temos que definir mellor”

“Creo que foi unha oportunidade perdida de lle dar unha boa estocada ao Celanova”, manifestou o adestrador limiano, Bruno Gómez, o domingo despois de rematar o partido na Moreira (0-0). “Na primeira parte, once contra once, tivemos moito máis o balón que eles e máis presencia na área contraria. Xa estaban sufrindo. Na segunda parte, despois da expulsión, faltounos un pouco de calma. Non atacar tan rápido. Inda así, chegamos quince ou vinte veces á liña de fondo. Tivemos moitas ocasións. Temos que definir mellor”.

Precisou Bruno que o choque era “máis importante” para o Celanova que para o Antela, en canto á loita polo ascenso directo, e valorou que se manteñen “os cinco puntos de vantaxe, agora temos tamén o ‘golaverage’ a favor e queda unha xornada menos”.

O adestrador insistiu en que “o equipo está ben, e medra coa volta de Xabi Lamas, que nos dá outro aire”. A respecto do mediocampista, admitiu que “en canto nos dixo o xoves que estaba para xogar, non dubidamos. Necesitabamos moito ese xogo”. Do rival, o Celanova, sinalou que “son moi parellos a nós: por xogo, por adestrador, por futbolistas diferenciais”, mais que durante o partido apenas inquietaron á defensa do Antela, nin con once nin logo con dez.

Bruno recoñeceu que tras o partido os xogadores limianos estaban “enfadados” porque “queriamos gañar, deixárono todo no campo para gañar diante da nosa xente e só faltou meter un gol para que fora unha festa”.

Pedro, rodeado de contrarios, durante o choque do domingo. Imaxe: Sporting Celanova.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario