Quilómetros Penabad

Hugo Penabad é un líder no campo e no vestiario. Competidor puro, ADN do Antela, un faro para a canteira nos próximos anos. Ten 18 anos, estuda, adestra e o mesmo xoga un partido baixo o temporal cos xuvenís na Estrada que se senta no banquiño do primeiro equipo na cita máis importante do ano e pola tarde completa 90 minutos co filial no Vinteún contra un rival directo na loita polo ascenso.

Sucedeu todo este pasado fin de semana. Noventa minutos o sábado como capitán, e do domingo: noventa minutos no banquiño diante do Celanova na Moreira e noventa minutos correndo en Eiroás fronte ao Raio21. Foron 48 horas frenéticas que so un tipo calmado, que leva meses soñando co seu debut no Antela mentres persegue outro ascenso co xuvenil, pode superar como se nada.

“O sábado levanteime ás 12,30, xantei e fun para a estación tomar un café co resto do equipo. Ás 14,40 saímos no autobús para A Estrada. Non durmo no bus, así que vou escoitando música ou vendo algún partido no móbil. Esta era unha viaxe longa, así que fun só, para poderme estirar. Nas viaxes curtas, vou co Aarón, co David, ás veces co Izan. Ao chegar dispoñemos sempre duns minutos para relaxarnos antes do xogo. Choveu moito, e iso fixo máis duro o partido, nun campo grande e por riba con frío. Saímos todos sen camisetas térmicas. Pasámolo bastante mal. No descanso xa nos abrigamos. Despois de que eles se puxeran 3-2, fómonos arriba, e tivemos moitas faltas a favor en campo rival, mais non se deu a ocasión. O Estrada é un rival difícil, estamos todos moi parellos. Pero o partido máis sufrido desta primeira volta foi aquí na Moreira, contra o Antas de Ulla”, conta Penabad, o luns, no cuarto día de traballo (adestramento, partido, partidos e adestramento).

No que vai de tempada, Penabad -defensa- acumula co xuvenil, o filial e o Antela un total de 25 partidos convocado, 22 xogounos como titular, suma 1.913 minutos, 5 goles (1 co filial) e 3 asistencias.

Penabad, o luns no adestramento dos xuvenís.

O xuvenís do Antela non estiveron de volta en Xinzo até a noite. Así que foi un sábado de dedicación exclusiva para todo o equipo. Ademais, Penabad xa sabía desde o venres que estaba na convocatoria de Bruno Gómez para o partido matinal contra o Celanova. Había que descansar. Podía suceder (non pasou) que o seu debut co primeiro equipo se producise na Moreira no partido do ano que podía decidir o ascenso a Preferente (case pasou).

“Levanteime ás 9,30. Non almorcei. Nunca o fago cando os partidos son de mañá. Aguanto cun pouco de auga”. Unha hora despois estaba no campo. O partido rematou en empate. “Xogaron ben, mais non conseguimos impoñernos cun home máis. Houbo un gol de Tiago que anularon de maneira dubidosa. O Antela está ben, ten un gran equipo. E ademais hai un gran ambiente. Sempre te acollen con cariño”, resume Penabad, que inda non se atreve a postularse para o A a tempada que vén. “Iso terano que decidir os adestradores”.

“Ao rematar o partido inda non coñecía a convocatoria do filial. Dixéronmo pouco despois das dúas da tarde. Fisicamente estou ben, e até onde aguanten as pernas… Todo isto quere dicir que estou facendo as cousas ben. Teste que adaptar rápido, cambian as tácticas e os compañeiros. Sempre estou dispoñíbel para botar unha man arriba. Co filial vou máis tranquilo porque xa xoguei varias veces. A verdade é que co A estaba un pouco máis nervioso porque sería o meu debut”, di Penabad.

Se Bruno Gómez che di que hai que facelo todas as fins de semana: xogar o sábado e o domingo…
Sen problema.

Un prognóstico para a Copa contra o xuvenil das Escolas?
En teoría somos favoritos. Mais non hai que se fiar. Por un lado é unha mágoa ternos que enfrontar amigos. Penso que sería unha final bonita. Pero tocou. E antes está o Verín, que non se nos esqueza.


Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario