Izan multiplica a confianza do xuvenil

Izan podería volver a unha convocatoria do xuvenil despois de 35 días desde a súa lesión no partido co Antas de Ulla. Os de Forri comezarán mañá a segunda volta da fase de ascenso como terceiros clasificados (en praza de ascenso directo). Será en Verín fronte a un rival que se xoga as súas últimas opcións de alcanzar a quinta praza, que tamén podería valer o ascenso, e sen Amine, que se lesionou durante a preparación e causará baixa durante as próximas semanas.

O Verín, que sumou a súa única vitoria a semana pasada contra o Purísima (o último), caeu na Moreira (4-0) na primeira volta nun partido no que Forri aliñou de inicio a Izan e Jorginho. O ‘dez’ comezou a adestrar esta semana, e, de xogar, mañá disputaría só uns minutos. Mais é un referente, o reforzo máis importante que podía ter o equipo de cara aos sete partidos que restan. Jorginho entrou finalmente na lista e disputaráo seu terceiro partido nesta fase.

O Antela xogará catro deses sete partidos na casa: Purísima, Residencia, Barbadás e Estrada. Forri espera pechar o ascenso antes de recibir aos pontevedreses na última xornada en situación de disputar o título de Liga. Pero o primeiro é gañar en Verín, un rival ao que Antela xa se enfrontou cinco veces esta tempada: con dúas vitorias limianas na preparación, dous empates na primeira fase e a vitoria no choque na Moreira en xaneiro.

Desde esa última cita, o Antela ten crecido moito -inda que perdeu a súa condición de invicto-. No plano individual, Penabad, Carnero e Calleja foron convocados polo primeiro equipo; Penabad e Erik xa se estrearon como goleadores co filial; e Fabián, tamén debutante co B, deu un paso adiante consolidándose como titular no equipo de Forri.

A recuperación de Izan e o reforzo puntual de Jorginho -titular no primeiro equipo- acelerarán ese crecemento como colectivo despois das experiencias de Barbadás e A Estrada: dúas derrotas contra os rivais máis fortes en partidos moi igualados nos que o Antela competiu mesmo polo triunfo.

VERÍN – ANTELA, sábado 17 horas na Granxa (Verín), 8ª xornada fase de ascenso a Preferente xuvenil. Grupo 3.


Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario