Bruno Gómez ao mando do filial

Bruno Gómez estará á fronte do Antela B no partido desta tarde (17,00 horas) na Moreira diante do Cortegada, mentres o club traballa na incorporación dun adestrador tras a renuncia do anterior técnico, Marcos Ruído. “Toca botar unha man e para iso estamos. Marcos marchou o martes, Forri desprázase co xuvenil e o club non tivo tempo de pechar un novo técnico. Tratarei de facelo o mellor posíbel”, comentou onte Bruno.

As outras novidades no filial son as baixas de Germain -por cuestións laborais- e Pío -motivos persoais-, mentres Raúl, Manu, Felipe e Dani Pérez continúan de baixa. Regresa Álex Teixeira (7 goles), que sumará a súa undécima convocatoria co B, e mantense Pitu, tamén convocado co primeiro equipo para o domingo.

Onte, Juan Forri dirixiu a sesión preparatoria do filial en compañía de Manu Domínguez, axudante do anterior adestrador.

O Antela B gañou 4 partidos, empatou un e perdeu 3 no que vai de segunda volta de competición. Sumou 13 puntos, fronte aos 21 do Purísima (apenas unha derrota) e os 16 do Raio21 que ocupan agora as prazas de promoción. A tendencia agravouse no último mes de competición, con só 1 vitoria e 1 empate (4 puntos sobre 16 posíbeis). Porén, os limianos continúan a un punto das prazas de promoción e, no próximo mes, xogarán contra equipos que transitan pola zona media-baixa da clasificación: despois do Cortegada, xogarán sucesivamente contra o Cenlle, o Taboadela e o Rocas.

ANTELA – CORTEGADA, hoxe sábado na Moreira (17,00 horas).


Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario