Os regresos de Antón e Breixo e a baixa por lesión de Anxo Pena son as novidades no Antela de cara ao partido de mañá no Marco contra o Peroxa (domingo, 17,00 horas).
O líder, despois desa Liga de mes e medio, un tour polos Alpes ou un giro plos Dolomitas, empeza unha xeira de etapas de media montaña -nesta segunda volta no lameiro non haberá partido cómodo- contra rivais incómodos e que colocarán vaios muros de contención diante do ataque limiano.
Mañá o Antela visita O Marco, o feudo do Peroxa. A última vez, os limianos apañaron a única derrota na loita final polo ascenso de 2022. Joni, Breixo, Pedro, Xabi Lamas e Peque (que segue lesionado) gardan memoria daquela tarde na que o Peroxa tomou unha vantaxe de cinco puntos que parecía definitiva. Non o foi.
Agora, o Peroxa navega décimo, na zona morna do campionato, sen moito que gañar e pouco que perder. O Antela, o líder, é o incentivo. Contra o Antela todos queren xogar mellor. Tamén Marco Antonio Oliveira, o futbolista máis veterano da Liga, 48 anos, que busca o seu primeiro gol deste ano. E, detrás del, un equipo sólido e organizado que recibe poucos goles (o sexto menos goleado da Liga) e foi capaz de empatar contra o Velle, o Muíños e de lles poñer as cousas moi difíciles ao Celanova e ao Nogueira.
“Se non xogamos coa máxima intensidade, ímolo a pasar mal”, advirte Bruno Gómez, o adestrador do Antela. “O Peroxa de Josiño é un equipo ben armado. Temos que estar rápidos no ataque para non deixar que se organicen as súas liñas de catro e estar finos co balón”.
A media montaña -xa se sabe- é un terreo traizoeiro, de obstáculos inesperados e propicio para as emboscadas. Quizá por iso Bruno prescindiu dos conos na sesión de onte e colocou balizas grandes para subliñar as liñas de ataque á fortaleza do Peroxa. Volverá a haber muros.
Máis alá do regreso de Breixo, non parece que Bruno Gómez vai cambiar moito a respecto do once que empatou co Celanova o domingo pasado. “Xabi Lamas fixo un partidazo. Está para ser titular”, precisou o adestrador. Así que as variacións poden estar nos laterais e na punta, coa volta de Antón, e Joni, Dinís e Outeiriño competindo tamén por coller sitio.
📷 Breixo, no partido de marzo de 2022 no Marco. O Peroxa gañou (2-1).
Convocatoria: Andrés, Bruno Pío, Tiago Teixeira, Breixo, Álex Boán, Lois, Martín Caneiro, Cole, Xabi Lamas, Joni, Pedro, Pitu, Outeiriño, Raúl Dinís, Antón, Óliver, Jorginho e Carlos.
A PEROXA – ANTELA, mañá domingo no Marco (A Peroxa) ás 17,00 horas.



















