O Antela B empatou co Cortegada (1-1) na Moreira nun partido baixo a dirección de Bruno Gómez despois da renuncia o pasado martes de Marcos Ruído. O filial repúxose ao gol visitante e Carrasco equilibrou o resultado apenas tres minutos despois, cumprida xa a media hora de xogo. Na segunda parte, malia os cambios en busca de maior intensidade, o Antela B dominou sen froito.
O filial cedeu así o seu terceiro empate como local, pero mantense na quinta posición con 50 puntos, os mesmos puntos que o Raio21 (4º) que xoga mañá e a cinco da Purísima que hoxe gañou o seu partido contra o Cenlle.

En Verín, o xuvenil de Forri perdeu o seu terceiro partido fóra da casa. Caeu 1-0 na Granxa cun gol de Adrián Dacosta no minuto 70. Os limianos acusaron a lesión de Izan -que reaparecía- no minuto 5 de partido. A presencia de Jorginho non foi suficiente esta vez para desequilibrar o encontro.
O xuvenil, que se quedou sen marcar por vez primeira nesta fase, fica con 15 puntos, agora a seis do líder, o Estrada, que hoxe venceu ao Antas. Mañá disputaranse os outros dous partidos do grupo.













