Iván Gómez González, adestrador ourensán con experiencia en Segunda Futgal (ascenso co Maceda en 2023) e técnico axudante durante uns meses ao principio desta tempada no Barbadás (Terceira División), dirixirá ao filial do Antela a partir do luns.
Iván Gómez, cuxa fichaxe se pechou o sábado tras a renuncia o pasado martes de Marcos Ruído, foi técnico axudante de Juanjo Vilachá durante os primeiros partidos do Barbadás esta Liga. Antes, adestrou ao Maceda, co que ascendeu a Primeira Futgal na tempada 2022-23 e co que conseguiu a permanencia na primeira categoría provincial na 2023-24.
Terá ao seu cargo o filial, que inda aspira a se colocar en posicións de promoción de ascenso nos oito partidos que restan. Esa é a ambición da directiva e con ese obxectivo chega Iván Gómez, que na súa primeira campaña no Maceda colleu o equipo en novembro e levouno até o ascenso gañando 15 partidos de 18 e anotando 82 goles.
O calendario do Antela B no que resta de Liga é o seguinte: Cenlle (fóra), Taboadela (en Xinzo), Rocas (fóra), Coles (na casa), Toén (fóra), Purísima (na casa), Alaricano (fóra) e Arrabaldo (na casa).



















