As baixas de Tiago e Boán, ambos por sanción, obrigan a Bruno Gómez a introducir de novo cambios na defensa para o partido co Cartelle (domingo, 17,00 horas na Moreira). En principio, o adestrador conta con Breixo, Cole e Lois -inda que estes dous últimos non participaron na sesión de onte por cuestións laborais- e ten dúas opcións para compoñer a liña de catro: manter a Lois entre a parella de centrais ou devolver ao lateral a unha das bandas e xogar con Aarón ou o xuvenil Penabad como compañeiro de Breixo.
“O máis probábel é que descartemos o triplo pivote co que empezamos contra a Peroxa, que devolvamos a Breixo ao seu posto de central e que Aarón sexa titular”, indicou onte o técnico dos limianos.
No centro do campo, sen Óliver (tamén sancionado) nin Pitu, volverá a contar con Pedro, e podería chamar a Lois, xuvenil de segundo ano, que leva uns días participando no traballo do primeiro equipo. Outro xuvenil, Lucas Carnero, que xa debutou este ano, podería reforzar tamén ao Antela polas baixas na defensa.
Na dianteira, Antón, que se retirara con molestias da sesión do martes, e Anxo Pena, lesionado a semana pasada, volveron a se adestrar con normalidade. Brais Outeiriño, Joni, Carlos e Jorginho disputan tamén a titularidade.
O partido da primeira volta no Pau Rañado, que o Antela gañou con moitas dificultades cun home menos (expulsión de Aarón) e gol de Breixo no desconto, apenas serve de referencia dado o condicionante do campo (de reducidas dimensións e superficie de terra).

A última visita do Cartelle á Moreira foi na tempada do anterior ascenso (21/22) nun choque clave para a clasificación para a fase polo título e no que Borja e Pedro conduciron ao equipo á vitoria. Aquela tarde, ademais de Pedro, foron titulares Peque, Breixo e Joni, e Xabi Lamas disputou os minutos finais.
Agora, o Cartelle loita pola permanencia. Está a seis puntos dos postos de salvación. Desde a suspensión do seu choque contra o Maceda na xornada do temporal a finais de xaneiro apenas sumou tres empates e sufriu catro derrotas. En toda a Liga, fóra da casa só conseguiu 3 puntos, con empates en Viana, en Loñoá e no Carballiño. Estes dous, nas súas últimas saídas en febreiro e marzo.
O Cartelle é o equipo que menos goles anota como visitante (8 en 11 partidos), pero recibe poucos (20).Na Moreira, en doce choques, o Antela só apañou 9 goles: en realidade na Moreira só fixeron goles cinco equipos: o Viana (3), o Maside (2), o Carballiño (2), o Polígono (1) e o Monterrei (1). Dos cinco, só o Maside e o Carballiño conseguiron levar 1 punto.
Imaxe de portada: @Sp.Celanova.
ANTELA – CARTELLE, domingo 17,00 horas na Moreira. Partido correspondente á 28ª xornada de Liga de Primeira Futgal. Grupo 4.












