Un debuxo de Xosé Lois Carreira, agasallo para o Xogador do Mes

Xosé Lois Carreira (Parada de Ribeira, Xinzo da Limia, 1971), artista multidisciplinar, escultor, pintor. Licenciado en Belas Artes pola Facultade de Leioa (Bilbao) en 1994 na especialidade de Pintura e Procesos e Técnicas de Escultura, segundo figura na súa ficha de autor no Museo da Limia, tamén é afeccionado ao fútbol e pai de futbolista. Dada a súa vinculación co Antela, o club pediulle que crease algunha peza susceptíbel de reproducir como pequeno agasallo para os futbolistas que esta tempada teñen sido distinguidos pola afección como Xogador do Mes.

O resultado foi o debuxo a plumiña e lapis de cores dun futbolista co equipamento branquinegro sobre unha lámina de 40×30 que, enmarcada, será entregada a cada un dos distinguidos esta tempada.

“A miña primeira idea era facer un trofeo máis ao uso, unha peza tridimensional… mais xurdiu un bosquexo e cun motivo acorde ao tema, e así o enfoquei: un debuxiño dun zurdo a piques de golpear o balón”, explica o autor.

Está previsto que a entrega das primeiras seis láminas (correspondentes aos meses de setembro, outubro, novembro, decembro, xaneiro-febreiro e marzo) se faga nos prolegómenos do seguinte partido na Moreira, que se disputará en abril contra o Córgomo de Vilamartín de Valdeorras, e que Xosé Lois Carreira participe no acto.

Os cinco primeiros afortunados son, por orde cronolóxica: Bruno Pío, Jorginho, Xabi Lamas, Álex Boán e Antón.

O Xogador do Mes en marzo inda está por elixir, e a votación celebrarase a próxima semana.

ENTREVISTA CON X. L. CARREIRA

1 comentario en “Un debuxo de Xosé Lois Carreira, agasallo para o Xogador do Mes”

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario