Forri retocará o ataque ante o Purísima

“Xa só podemos centrarnos na Liga e o mellor é volver xogar canto antes para recuperar o ánimo, e moito mellor se é na casa, que sempre axuda… Non recuperamos xente de baixa, pero co que temos debe ser suficiente para cumprir o obxectivo: gañar ao Purísima e seguir na pelexa polo ascenso”, explica Juan Forri, adestrador do Antela xuvenil de cara ao partido de mañá (12,00 horas no Fernández Carreira) fronte ao Purísima.

O Antela xuvenil, despois de dúas derrotas consecutivas nas dúas últimas saídas, precisa sumar o seu primeiro triunfo na segunda volta. O rival, o Purísima, marcha último na fase de ascenso e non sumou punto ningún.

Diego Capi.

O Antela non poderá contar con Amine e Izan, que seguen lesionados, nin con Xaco, ausente por estudos e que xa causou baixa polo que resta de tempada. A novidade será Diego “Capi” Feijóo, un defensa central limiano, de segundo ano, que estaba xogando para o Pabellón de Ourense e que xa adestrou co grupo toda a semana e foi dado de alta esta mesma mañá.

Ademais, a respecto do último partido -a eliminatoria en Copa coas Escolas de Xinzo (derrota do Antela nos penaltis)-, Juan Forri poderá contar con Hugo Penabad, que vén de xogar co primeiro equipo, e con Carbajales, que xogou uns minutos co filial.

O adestrador medita cambios na estrutura do once e, pendente de Jorginho -que podería estar na convocatoria do A para o domingo- pode reforzar o equipo xuvenil, dispón de Codes e Erik para a punta de ataque como futbolistas en mellor forma.


Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario