O Antela estrea a primavera, con apenas 8 partidos por diante, o tramo decisivo da tempada, nunha posición desafogada. É líder con 7 puntos de vantaxe (máis o ‘golaverage’) sobre o Celanova e 10 puntos (e un partido menos) sobre o Polígono. Cada vitoria do Antela -que no Cardenal Quiroga buscará a quinta desta segunda volta- supón un salto máis cara o título. Hoxe está a 17 puntos, se gaña -fagan o que fagan os demais- estaría a 14.
O Antela é líder desde a sétima xornada, hai cinco meses, e vén xestionando a presión da máxima esixencia (o título) desde o arranque da tempada. Hai convicción entre os xogadores e no corpo técnico de que o equipo manterá o ritmo até o final, coa meta xa á vista.
Mais toca prudencia, tamén porque nesta altura cada rival ten moito en xogo. No caso do Maceda, a permanencia. Os locais foron quen de gañar no Cardenal Quiroga ao Muíños, ao Maside e ao Peroxa nesta segunda volta, pero fóra só apañaron derrotas (cun calendario complicadísimo: Celanova, Córgomo, Monterrei, Nogueira e Polígono. Malia todo, manteñen 5 puntos sobre o Viana (16º).
O Maceda fíxose forte na casa nesta segunda volta -só o Velle (0-1) levou os tres puntos-, que só encaixou ese gol do Velle en catro partidos. “Son un equipo ben ensamblado, que levan moito tempo xogando xuntos e que sabemos que virán defender alto. Será parecido ao que vivimos no Polígono ou na Peroxa”, explica Bruno Gómez, que avanza que o Antela tratará de adaptarse ás dimensións do campo realizando tamén unha presión adiantada.
No Antela regresan Tiago Teixeira, Boán e Óliver despois de cumprir as súas sancións. E tamén se mantén na convocatoria Xurxo, que debutou o domingo pasado contra o Cartelle. Da lista saen esta semana Raúl Dinís e os reforzos da canteira. Tampouco están Lois (por motivos laborais) e Peque, de quen se espera que regrese aos adestramentos a próxima semana.
Convocatoria:

MACEDA – ANTELA, domingo 30 de marzo ás 16,30 horas no Cardenal Quiroga de Maceda.



















